O alcalde de Ourense di que renunciará ao 30% do seu soldo durante o estado de alarma e o PSOE cualifícao de "demagogo"

Os socialistas din que Jácome "sabe que non é posible" que o faga pola vía oficial e ínstalle a que o faga en xeito de doazón.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 02/04/2020 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensana), renunciou ao 30% do seu salario durante o tempo que se prolongue o estado de alarma derivado da pandemia do coronavirus ante a parálise económica en todos aqueles servizos considerados como non esenciais por parte do Goberno central.

O rexedor anunciou este xoves a súa decisión como un "xesto solidario, de carácter persoal, con aquelas persoas máis afectadas pola crise en termos económicos". Pérez Jácome explicou que "renunciar ao 30% do soldo de alcalde segue a media dos ingresos que perderán os traballadores de todo o país cunha situación de ERTE".

"O que toca agora é seguir traballando, tanto en facilitar os medios para garantir a saúde dos cidadáns como en adoptar aquelas medidas que poidan paliar os efectos económicos debido ao peche decretado", sostén o rexedor.

A través das súas redes sociais, Pérez Jácome sinalou que "continúa traballando ao 110%, incluídos festivos, para acelerar axudas municipais e obras". Ademais, tamén puxo en valor o traballo realizado polo goberno municipal que "tivo que adoptar moitas decisións e xestionar unha situación moi difícil".

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. OURENSE - Arquivo
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. OURENSE - Arquivo | Fonte: Europa Press

CRÍTICAS DO PSOE

O Partido Socialista de Ourense criticou que Pérez Jácome faga "demagoxia barata" ao anunciar esta rebaixa do seu soldo cando "sabe que non é posible".

Os socialistas sinalan que o soldo do alcalde determínao exclusivamente o pleno, polo que "unicamente poderá realizar unha doazón despois de percibilo de forma íntegra".

Por iso, o PSOE de Ourense pide a Jácome que deixe de buscar "fotos e titulares" nun "momento crítico" e recoméndanlle que, se quere aforrar e axudar", recorte o "elevado número de asesores que levou ao máximo".

Os socialistas sinalan que o rexedor seguirá cobrando o seu salario íntegro —que ascende a 68.383,90 euros ao ano—, "como xa fixo no mes de marzo", cantidade que "despois poderá doar tal e como fan a diario "moitos cidadáns" sen publicitalo.

Ademais, o PSOE insta o alcalde a levar dita rebaixa ao pleno, onde está representada toda a corporación e que "se deixe de enganos e ocorrencias" co único obxectivo de "saír na foto".

LOITO OFICIAL

O Concello de Ourense, ante o "gran número de falecementos" como consecuencia da pandemia producida polA covid-19 decidiu decretar loito oficial. Faino como mostra de recoñecemento e recordo dos defuntos e como testemuño de apoio, solidariedade e condolencias do Concello de Ourense ás familias afectadas.

O loito oficial comezou este 2 de abril ás 13,00 horas. As bandeiras do Concello e do resto de edificios municipais ondearán a media hasta

AXUDAS AUTÓNOMOS E PEMES

O concello de Ourense tamén decidiu ampliar a 20 millóns de euros as axudas destinadas a autónomos, pequeno comercio e a reforzar os colectivos de ámbito social, despois do pasado día 20 de marzo o alcalde anunciase un plan de 10 millóns de euros.

Gonzalo Pérez Jácome subliñou a necesidade de "axudar as persoas e colectivos que se están vendo afectados dun modo especial pola situación de alarma derivada do Covid-19". O alcalde quixo lembrar que "Ourense foi o concello de España que puxo encima da mesa a maior resposta orzamentaria" para facer fronte á situación.

A decisión foi comunicada previamente aos integrantes do grupo de goberno e está a ser analizada polos técnicos municipais co obxectivo de "minimizar a tramitación burocrática para conseguir que sexan efectivas canto antes".

RECIBO DE AUGA

Por outra banda, o Consistorio de Ourense e a empresa que xestiona o servizo municipal de auga, Viaqua, anunciaron este xoves que non farán ningunha reclamación polo pago do recibo durante o período de situación de alarma producido polo coronavirus.

Así, o concelleiro de Infraestruturas e portavoz do goberno, Miguel Caride, explicou que "non se producirá ningún corte na subministración de auga durante este período". "Esta medida ten como obxectivo garantir que un ben básico como a auga chegue a todos os fogares", engadiu.

Pola súa banda, a empresa concesionaria trasladoulle ao concello que "continúa a súa política de non cortar a subministración de auga ás persoas en situación de vulnerabilidade económica". Unha medida que desde que se produciu o estado de emerxencia sanitaria se ampliará a todos os usuarios.

CIENCIA PARA NENOS

Ademais, a concellaría de Medio Ambiente, en colaboración co grupo Big Van Ciencia, lanzou un novo proxecto educativo en liña co obxectivo de axudar ás familias e divertir aos nenos mentres aprenden ciencia. A actividade desenvolverase todos os xoves, ás 17,00 horas, a través da canle de Youtube da concellaría de Medio Ambiente e consistirá nun proxecto innovador no que "a ciencia e o humor se entrelazan para presentar un espectáculo experimental", segundo explicaron desde o Concello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 MartinOrtencio

Tamén renuncio ao 30% se cobro o seu salario.

1 Gamela

Pois o que acorda o Pleno pode ser unha reducción do 30% para tódolos membros da corporación municipal de Ourense ? Se hai maiorías suficientes pódese facer tranquilamente! A ver se van ser os PSOEs os que non queren poñer un can ? En canto á iso das doazóns anónimas vai ser que non tragamos! Aínda estamos agardando que Eva Solla nos comunique onde meteu os 96.000 euros /anuais ? Pero non ten tempo para facelo público nin transparente !!!