Científicos achacan aos recortes o colapso na sanidade pública e censuran o oportunismo político na crise do coronavirus

Critican as políticas que, coa escusa da crise económica, “deixaron en apuros” o sistema sanitario e piden que “non se permita que políticos exploten a situación para obter ganancias políticas” desta crise.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 02/04/2020 | Actualizada ás 21:11

Comparte esta noticia

Só tres días despois de que entrase en vigor o Real Decreto polo que se declarou o estado de alarma en España para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola pandemia da enfermidade COVID-19, científicos españois adscritos a varias institucións académicas publicaron un artigo en The Lancet –unha das revistas médicas máis importantes do mundo– no que sinalan os recortes aplicados na sanidade pública desde 2008 como factor determinante no agravamento da crise sanitaria e o colapso do sistema causados polo coronavirus SARS-CoV-2.

Manifestación en Vigo en defensa da sanidade pública
Manifestación en Vigo en defensa da sanidade pública | Fonte: © Miguel Núñez.

Os expertos lembran que no conxunto do Estado viviuse “unha década de austeridade da cal o sistema de saúde ten aínda que recuperarse”.

Por un lado, denuncian que “a falla de investimento a longo prazo en servizos de saúde […] prexudicou a resistencia do sistema sanitario ao esgotarse a súa capacidade de responder a picos nos que se necesitan unha atención médica con suficientes profesionais da saúde, camas de unidades de coidados intensivos, equipos de protección, kits de probas de diagnóstico e ventiladores mecánicos”.

Por outro, destacan que a crítica situación do sistema sanitario que se evidencia con esta crise débese tamén, “en parte, á escaseza de persoal existente, novamente despois de anos de austeridade e de baixos salarios” para os sanitarios.

Estes científicos consideran que desta crise debemos aprender que “son necesarios recursos financeiros adicionais para apoiar os sistemas de saúde autonómicos, cada un con diferentes recursos iniciais e desafíos actuais”. E urxen a que “cando remate a pandemia, España deberá abordar a década de subinvestimento no sector da saúde, que anteriormente era forte, e que o deixou en apuros neste momento de crise”.

A todo isto, engaden, “será necesario traballar para garantir nos próximos meses a coordinación entre Goberno central e os autonómicos” en materia sanitaria, ao tempo que piden que “non se permita que políticos exploten a situación para obter ganancias políticas” desta crise sanitaria causada polo coronavirus.

E coa vista posta no futuro inmediato, advirten de que “aínda que a poboación en España parece responder en gran medida de maneira responsable ata o de agora [ás medidas aplicadas para conter a pandemia], será importante recorrer á evidencia das ciencias do comportamento para garantir que esta conduta continúe durante o que podería durar moitos meses”.

O texto está asinado por Helena Legido Quigley, José Tomás Mateos García, Vanesa Regulez Campos, Montserrat Gea Sánchez, Carles Muntaner e Martin McKee, adscritos ao Departamento de Enfermaría y Fisioterapia da Universidade de Lleida, o Departamento de Saúde e Desenvolvemento Global da Escola de Hixiene e Medicina Tropical da Universidade de Londres, a Escola de Saúde Pública Saw Swee Hock da Universidade Nacional de Singapur, o Grupo de Investigación en Saúde Pública, da Universidade de Alicante, a Facultade de Enfermaría Bloomberg e Escola de Saúde Pública Dalla Lana da Universidade de Toronto e a Unidad de Docencia e Investigación do Hospital Universitario de Cruces en Baracaldo (Biscaia).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta