A contaminación nas cidades galegas cae por enriba do 55% tras a declaración do estado de alarma

Ecoloxistas en Acción fala dunha "mellora sen precedentes da calidade do aire", nun "contexto dunha situación extrema, en absoluto desexable".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2020 | Actualizada ás 19:30

Comparte esta noticia

A contaminación do aire urbano en Galicia diminuíu un 58% durante a segunda quincena do mes de marzo, coincidindo coa redución do tráfico derivada das medidas do estado de alarma pola crise do coronavirus.

Mapa da contaminación en España durante a crise do COVID-19
Mapa da contaminación en España durante a crise do COVID-19

Así o reflicte un informe de Ecoloxistas en Acción elaborado a partir de medicións oficiais en 24 cidades do Estado (incluídas A Coruña e Vigo) e que conclúe que a redución drástica do tráfico está a traducirse nunha "mellora sen precedentes da calidade do aire nas cidades galegas e españolas".

As medidas de restrición da circulación derivadas do vixente estado de alarma provocaron entre os días 14 e 31 de marzo o esborralle do dióxido de nitróxeno. Na Coruña a diminución foi do 56%, mentres que en Vigo chegou ao 60%.

A organización ecoloxista recoñece, no entanto, que esta redución da contaminación produciuse "no contexto dunha situación extrema, en absoluto desexable", que está a orixinar "graves problemas a moitísimas persoas", afectados cos que se solidarizou.

Segundo este informe, desde a declaración do estado de alarma, o pasado 14 de marzo, produciuse unha "baixada drástica" dos niveis de contaminación atmosférica por dióxido de nitróxeno nas principais cidades españolas. Así mesmo, os niveis durante o estado de alarma son os máis baixos neste período da última década en Vigo e na Coruña, na liña do resto de cidades analizadas.

Con iso, a crise da COVID-19, explican os ecoloxistas, "demostra que a redución estrutural do tráfico motorizado e os cambios nas pautas de mobilidade son a mellor ferramenta para rebaixar a contaminación do aire" nas cidades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta