Os carteiros, con medo: "Correos auméntanos a carga de traballo segundo aumenta a perigosidade"

O persoal de Correos é o colectivo con máis contaxios rexistrados por coronavirus só por detrás de sanidade. Séntense expostos, traballan con medo e dubidan que o servizo que desenvolven sexa esencial. "Atópaste todos os días furando corentenas dunha casa para outra", denuncian.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os sindicatos - tanto CC.OO. como UGT e CIG - levan todo este tempo advertindo da desprotección dos traballadores de Correos, cuxa dirección vén de recoñecer que se "extralimitou" na actividade "máis alá do imprescindible" neste contexto de crise sanitaria. A día de hoxe, o colectivo de carteiros é o que suma un maior número de positivos pola Covid-19 só por detrás da sanidade. Xa que logo, a metade da terceira semana do estado de alarma, Correos sitúase xa como a empresa pública con máis contaxios: un total de 731 e 2.022 corentenas no persoal no conxunto do Estado.

Unha carteira de Correos percorrendo unha rúa
Unha carteira de Correos percorrendo unha rúa | Fonte: EFE

"Ves que todos os días estás furando corentenas, es un vaso comunicante entre todas as persoas que están illadas en células de protección -as casas- que ti vas rompendo", explica Xosé Iglesias, un carteiro de reparto ordinario de Santiago de Compostela. "Tes medo polos posibles contaxios que lles poidas ocasionar a eles e polo que poidas levar ti para casa". Tamén no eido rural o colectivo se sente desprotexido. Mari Carmen Sánchez, carteira en Palas de Rei, denuncia dende o outro lado do teléfono que a empresa antepón o negocio á saúde do persoal e que carecen de protocolos específicos para evitar os posibles contaxios.


SON OS CARTEIROS SERVIZO ESENCIAL?

 

Esta é a primeira dúbida que asalta ao persoal empregado en Correos, que observa como "a medida que aumenta a perigosidade aumenta tamén a carga de traballo". Tanto Xosé coma Mari Carmen explican que a meirande parte dos documentos que están repartindo polas casas non son imprescindibles neste momento. "Extractos bancarios, de Gas Natural, de Telefónica, incluso impostos municipais dos coches que a estas alturas xa se adiaron... Entón dis: realmente é esencial isto que estou facendo?", pregúntase Xosé Iglesias.

 

Dende os sindicatos esixen a Correos que cumpra co Real Decreto aprobado polo Goberno central e restrinxa a actividade á "exclusiva" prestación do servizo postal universal e á distribución de produtos esenciais e de primeira necesidade á cidadanía. Lonxe diso, os traballadores denuncian que a medida que a situación sanitaria empeora, eles vense con máis traballo ás costas. "Primeiro só deixabamos os certificados nos buzóns, pero agora entrounos a orde de que había que sacar tamén notificacións", relata Mari Carmen. 

 

A situación, xa que logo, "complícase": "necesitamos recoller datos e hai veces que te atopas con xente que non sabe ler e que non che pode dar o número do DNI, intentas manter as distancias, pero...". Problemas semellantes atopa Xosé no seu percorrido pola cidade. "A empresa dinos que debemos manternos a dous metros de distancia das persoas destinatarias, que deixemos o envío no chan e o identifiquemos. Coller os datos a esa distancia resulta imposible!", denuncia.

 

"CAOS" NA ORGANIZACIÓN

 

Os protocolos de actuación bailan dun día para outro. "Son totalmente improvisados, preocúpannos tamén as consecuencias legais que puideran ter", indica o carteiro. Segundo contan, "non se tomaron as medidas a tempo e non houbo ningún procedemento preventivo; fallou todo". Tanto é así que ata hai pouco non contaban con máscaras ou luvas, e no caso de Mari Carmen, esta traballadora estase vendo obrigada a reutilizar o material dun día para outro. Na súa oficina tampouco se puxeron mamparas de metacrilato nos espazos de atención ao público. 

 

Ata que as máscaras non chegaron, foi unha propia empregada a que tomou a iniciativa de preparar a man uns cantos tapabocas que regalou entre todas as súas compañeiras. Nestas condicións, Mari Carmen recoñece que vai traballar "con medo". "Suponme un estrés cando cando chego e cando marcho. Que tocaría? Que non tocaría? Faría isto ben?". Por iso mesmo, ante a falta dun protocolo específico indicado por parte da empresa, Mari Carmen protéxese atendendo ao que lle di o sentido común: "Antes de saír da casa deixo unha roupa na entrada, e o primeiro que fago cando veño do reparto é cambiarme, botar todo na lavadora, deixar o móbil e as chaves nunha caixiña e desinfectar todo o coche".

 

O maior medo destes traballadores está en "non saber que podes estar traendo para a casa", onde moitos deles conviven con persoas de risco. Por iso, conviría, din, que lle fixeran test a todo o persoal de Correos, dado que leva dende inicio da epidemia moi exposto ao contaxio e dado que pode haber casos asintomáticos que estean agravando o problema. "Eu, antes de que se declarara o estado de alarma, estiven en contacto con moita xente, incluso de Madrid e Italia, porque o Camiño de Santiago pasa preto da nosa oficina", conta Mari Carmen. "Traballaría con máis tranquilidade se tivera a certeza de que non estou infectada". 

 

AS PARTICULARIDADES DO TRABALLO NO RURAL

Que o seu labor se desenvolva no medio rural ten o seu lado positivo e o seu negativo. Pode parecer que é "un ambiente máis sano" xa que a xente se atopa illada dos centros de maior actividade. Con todo, "os protocolos de prevención non están tan asumidos", indica Mari Carmen, que percorre varias aldeas da contorna de Palas de Rei. "As situacións que se dan aquí son totalmente distintas ás da cidade, isto é máis familiar, e igual che din: 'Pero e logo por que traes guantes? E por que pos máscara? Eu non teño nada, eh!'; e claro, teslles que explicar que igual es ti quen pode transmitir o virus".

 

Á xente maior, sobre todo, chócalle ver á súa carteira de toda a vida vestida cun EPI -equipo de protección individual-, mais o certo é que o virus tamén pode chegar ás aldeas, cunha poboación maioritariamente envelledica, do mesmo xeito que se estende nas cidades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta