A Xunta recibe a transferencia de 2 millóns de euros do Parlamento galego para facer fronte á pandemia

A medida foi aprobada este venres por unanimidade na Mesa da Deputación Permanente, xa que a Cámara está disolta desde o pasado 11 de febreiro pola convocatoria de eleccións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2020 | Actualizada ás 15:19

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia transferirá á Xunta con carácter inmediato unha partida de dous millóns de euros procedentes do remanente de tesouraría da institución para contribuír ás necesidades orzamentarias derivadas da pandemia do COVID-19.

A medida foi aprobada este venres por unanimidade na Mesa da Deputación Permanente, xa que a Cámara está disolta desde o pasado 11 de febreiro pola convocatoria de eleccións (que se cancelaron) a proposta do presidente da Cámara, Miguel Anxo Santalices Vieira.

A partida, conforme precisou o Lexislativo galego nun comunicado remitido aos medios, é consecuencia da "xestión racional" dos recursos ordinarios do Parlamento, caracterizada polo aumento da tramitación pública de licitacións respecto daquelas necesidades habituais da Cámara, pero tamén doutras actuacións puntuais e menores, así como da "permanente procura dunha mellor relación calidade-prezo". Con todo, o Parlamento sinala que esta iniciativa obrigará, no entanto, a axustar aínda máis a programación orzamentaria da Cámara.

De forma paralela, o presidente da Cámara cursou indicacións para minimizar o gasto ordinario da institución e reforzar o aforro. Ademais, os servizos económicos da Cámara están a axilizar a tramitación de toda a facturación para que os provedores cobre nun prazo aínda menor respecto ao habitual da institución, que ata agora oscilaba entre os 15 e os 20 días.

PARLAMENTO DISOLTO

Actualmente, en Galicia, a Cámara atópase disolta tendo en conta que estaban convocadas eleccións autonómicas para este 5 de abril, unha cita coas urnas que de forma extraordinaria foi anulada debido á pandemia do coronavirus e tras un acordo entre as principais forzas políticas galegas.

Este feito implica que só estean en activo os deputados que conforman a Deputación Permanente, que precisamente se reuniu este venres para abordar as comparecencias do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; e da conselleira de Política Social, Fabiola García.

Isto tamén supón un aforro nas arcas da institución pública per se, ao que hai que engadir que no caso galego só teñen dereito a percibir dietas de desprazamento os representantes deste órgano que aínda está en funcionamento.

En concreto, sobre estas dietas, o réxime económico da Cámara sinala que se cubran os gastos de transporte público dos deputados, mentres que os desprazamentos en vehículo propio abonaranse a razón de 0,19 euros por quilómetro, cando se xustifiquen.

Así, o acordo recolle que o número de quilómetros que correspondan a cada deputado computarase de acordo coa declaración presentada por cada parlamentario na que indica cal é o seu domicilio. Ademais, o deputado debe asinar un documento acreditativo no que solicita que se lle abone o correspondente gasto por quilometraxe.

Nos casos nos que os membros da Cámara non teñan ou non poidan utilizar vehículo propio, abonaránselles os gastos que lles xere o seu traslado, que en ningún caso poderán exceder dos que lles corresponderían pola utilización do vehículo propio e despois da correspondente xustificación documental.

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, en comparecencia na Deputación Permanente. PARLAMENTO DE GALICIA
Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, en comparecencia na Deputación Permanente. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta