Feijóo di que "ten problemas de embarque nos avións de Inditex" para traer o material prometido

Recoñece dificultades para mercar respiradores e test rápidos pola “forte competencia no mercado”. Di que chegan xa máis guantes e máscaras por parte do Goberno central que antes. Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia destaca que o Executivo enviou a Galicia máis de 1,4 millóns de unidades de material sanitario.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/04/2020 | Actualizada ás 15:56

Comparte esta noticia

Hai quince días o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, queixábase de que non lle chegaba material do Goberno central e decidiu mercalo por conta propia. Anunciaba entón a adquisición de oito millóns de máscaras. Desde entón, o Goberno galego só ten recibido tres millóns e medio, ademais doutro material cedido por empresas como Inditex.

Unha costurera confecciona unha máscara
Unha costurera confecciona unha máscara

Precisamente, e para xustificar a falta do material mercado exclusivamente pola Xunta, Feijóo comentaba este venres que se debe a problemas loxísticos e a “forte competencia no mercado internacional”. “Nós estamos obtendo o material que fomos comprando, aínda que temos problemas para o embarque”, dixo ao referirse aos avións cedidos por Inditex para traer ese material desde China.

Por iso, evitou referirse a esas oito millóns de máscaras anunciadas e suliñou que, agora, o principal problema son a recepción de test diagnósticos e de respiradores. “Cos respiradores estamos tendo moitos problemas para traer contrastados e equipados. E igual cos test. Hai dificultade para encontrar aqueles que sexan útiles e sexan eficaces e eficientes”, dixo en alusión ás fraudes detectadas nalgunhas compras.

Ademais, destacou que un dos principais problemas agora é a falla de batas e de material de UCI. Tampouco quixo falar do material cedido por grandes empresas, principalmente, Inditex, que doou máscaras e respiradores, ou Abanca, que anunciou 150 respiradores. “Ata que non o teñamos aquí non os damos po recepcionados”, dixo.

NOVO MATERIAL

Con todo, anunciou novas compras. Así, confirmou que Sanidade destinará un gasto adicional de cinco millóns para pagar 20 millóns de unidades de test, 4 millóns de máscaras, 500.000 batas, 70.000 gafas e outro material.

Neste sentido referiuse ao material recibido polo Goberno central e suliñou que hai “diferencias” entre o que di que se envía e o que chega a Galicia. En todo caso, recoñeceu que nos últimos días está a recibir máis material funxible, sobre todo, máscara e guantes, que nos días anteriores.

Tamén confirmou que a Xunta, desde o inicio do Estado de Alerta, non está cumprindo a lei de contratos para facerse con este material. “Non se pode facer con publicidade e concorrencia senón non chegaban. Non podemos seguir o cauce de contratos de estado, e convalidamos estas compras nko consello que tamén estamos facultados a facelo polo Estado de Alerta”, dixo.

ENVÍO DE MATERIAL POR PARTE DO GOBERNO CENTRAL

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, destacou este venres que o Executivo central xa enviou a Galicia 1.404.958 unidades de equipamento sanitario desde o pasado 10 de marzo.

Nun comunicado remitido aos medios, Losada sinala que os envíos incluíron 687.762 luvas de nitrilo, 683.716 máscaras, 3.202 mergulladores, 3.064 batas desbotables e impermeables, 4.977 lentes de protección, 5.496 unidades de solución hidroalcohólica e 16.741 unidades doutro material como calzas, delantais, cubremangas e gorros.

Segundo indicou, estes envíos responden ao compromiso de colaboración do Executivo cos servizos sanitarios de Galicia e subliñou que, neste momento de crise sanitaria, a colaboración entre administracións "é máis necesaria que nunca".

No conxunto do Estado, o Goberno de España, a través do Ministerio de Sanidade, distribuíu desde o pasado 10 de marzo uns 36 millóns de unidades de material.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 anonimo

Creo que o máis importante e que as contás estén ben feitas e que todolos gastos estean Ben rexistrados. Despois disto pediremos contás de todolos gastos. Non vaia a ser que algún fose a parar o de non deberá.

2 galegoexiliado

Vaites, o lider mundial que tanto publicita as suas viaxes o terceiro mundo, en plan novo rico, resulta ser un descoñecido no mundo real e industrial, e non consegue que ninguén atenda as suas peticions de compra de material sanitario e ten que depender da caridade de empresarios galegos. De seguro que chegan antes os avions de Ayuso que os do Lider Supremo. Claro que o seu non é ocuparse de temas terrenais, o seu foron sempre asuntos superiores como o Xacobeo ao que lle adica tantos recursos retraidos da sanidade, o ensino e a asistencia social. O malo é que mañá sin eleccions seguirán as mesmas políticas socias e sanitarias. E agora súmase ó ESPAÑA NOS ROBA.

1 Manuel..

Oooioiioioooo

1 Nina

Galicia Confidencial, Feijóo non encargou "guantes", senón "luvas". A diferenza entre luvas e guantes é a mesma ca entre "gloves" e "gaunlets" en inglés (obsérvese o parentesco léxico entre ambos pares de palabras nas dúas linguas).