Galicia afronta un parón económico sen "precedentes": "Cando se retome a actividade, será aos poucos"

O Foro Económico avisa de que no sector servizos "vai custar un pouco máis" e o Clúster de Turismo mira ao verán e ao turista de proximidade para "salvar" o ano.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2020 | Actualizada ás 12:39

Comparte esta noticia

Galicia afronta un parón económico sen "precedentes" polo estado de alarma e a crise do coronavirus, con boa parte da súa industria sen produción, unido ao peche de sectores como a construción, hostalaría e comercio, que están aínda á espera de coñecer ata cando durará esta situación.

"Cando se retome a actividade, non se vai a pór todo en marcha da noite para a mañá. Isto vai ir pouco", reflexiona o economista José Francisco Armesto, membro do Foro Económico de Galicia, en conversación con Europa Press. "Non todos os sectores se poderán pór en marcha á vez", opina.

"Non existen precedentes históricos de algo similar, que se paralizou a actividade non totalmente, pero unha porcentaxe moi elevada", advirte. "Nunha guerra non se para a produción do todo e mandamos parar a actividade produtiva".

Armesto cre que a recuperación no día despois do estado de alarma "vai custar un pouco máis" no sector servizos. En negocios vinculados ao turismo, restaurantes, eventos e espectáculos a afectación polas restricións, "loxicamente, é moi importante".

Remarca que "hai un elemento chave da incerteza que é o medo das empresas e as persoas". Será capital "como van reaccionar ante esta falta de confianza empresarial e dos consumidores".

EFECTOS MÁIS ALÓ DO CORONAVIRUS

Nun contexto de "gran incerteza" ve "bastante difícil" avaliar perspectivas económicas de futuro para Galicia, posto que "non sabemos nin a profundidade da crise nin o tempo que vai durar".

A destrución de emprego de media en marzo en Galicia foi de case 10.000 postos, aínda que se se colle como referencia o último día do mes a caída é de 36.000 traballos respecto ao comezo de marzo, segundo os datos da Seguridade Social.

Así mesmo, esta semana Fedea publicou un informe no que prevé que os despedimentos que se producirán en Galicia unha vez pase a alerta sanitaria serán máis de 70.000. Pola súa banda, Ceprede estimaba a mediados de marzo que o impacto no PIB da Comunidade será dunha caída do 1,4% en 2020.

"É moi difícil anticipar que vai pasar no medio prazo, témonos que centrar no curto prazo", razoa este Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais. Todos son "exercicios suxeitos a moitas hipóteses". Este economista ten claro que "vai haber efectos máis aló do coronavirus", "Non pensemos que cando acabe a crise sanitaria do coronavirus vai acabar a crise económica", avisa.

"TODO PASA POR UNHA REACCIÓN COORDINADA"

De tal forma, Armesto asegura que "hai que pensar que se fará despois de que acabe esta crise sanitaria". "Todo pasa por unha reacción coordinada, a nivel europeo e solidaria, estamos nunha situación moi difícil", sentenza. E é que afirma que "esta situación da oferta e demanda require liderados fortes políticos e económicos", "indo da man con todos os criterios médicos e técnicos". Tamén considera importante en favor da confianza que haxa "moita transparencia" nos datos.

Neste sentido, dado que a "garantía" para o emprego ante a avalancha de ERTE é de seis meses, "en función de como sexa a saída desta crise" verase se hai ERTEs que se converten en ERE.

Aquí, este membro do Foro Económico identifica varios factores a ter en conta sobre riscos de perda de emprego, contratos temporais que se acaben e non se renoven, persoal que se ía a contratar só en determinadas campañas, unido ás empresas que van retrasar investimentos que tiñan previstas.

Nun momento no que a demanda das familias baséase principalmente na compra de alimentos, o que si ten claro é que este estado de alarma "vaise notar moito no día despois nos ámbitos de consumo". "Antes había pequenos porcentaxes en compras en liña, pero agora é unha situación completamente nova, tivémonos que adaptar". "Creo que vai haber un cambio importante".

O HORIZONTE DO TURISMO GALEGO

Ante un escenario que afecta de forma relevante ao sector servizos, o turismo mira xa cara ao horizonte do verán, tras non existir a campaña de Semana Santa. "Quero pensar que a campaña de verán se pode salvar, temos que agarrarnos a algo", asegura o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, nunha entrevista con Europa Press.

Despois de resaltar que o que "preocupa agora son as vidas humanas", o obxectivo que se marcan é "reactivar negocios economicamente". "Pagamos impostos sen xerar un duro, por iso estamos preocupados, non sabemos o que teremos que aguantar", agrega.

Cre que o primeiro que hai que facer para recuperar ao sector unha vez acabe a alerta sanitaria é "dar confianza" para que os clientes e os turistas "poidan confiar en volver saír á rúa". "A partir de aí, promoción e liquidez nos establecementos", engade.

E é que o autónomo non saben "se van poder aguantar a situación" nin "se as empresas cando abran van ter clientes". Por iso, chama a que se apoie con "medidas máis contundentes" por parte das administracións. "Non queremos endebedarnos", di. "En Galicia o que nos vai a salvar é o mercado da propia comunidade e todo aquilo que estea a dúas ou tres horas de Galicia, sen esquecer a Portugal", asegura.

"SAÍR A COMPETIR"

Con todo, "xa hai sectores que non van poder salvar o verán". Sinala aos organizadores de congresos e eventos, que "o están pasando francamente moi mal" e que descartan que se poidan retomar estas actividades antes de setembro.

A isto únense outros como os guía que "non empezaron a campaña" e tiñan previsto comezar a traballar en Semana Santa, do mesmo xeito que moitos establecementos hostaleiros rurais e de costa, "despois de estar tres ou catro meses sen ingresos".  "Cando saiamos, imos saír todos a competir, o noso mercado é o próximo", incide, xa que o resto de comunidades tamén buscarán o mercado nacional.

Finalmente, "dentro da gravidade da situación, menos mal que non se deu no Ano santo", "sería moito máis negativo en 2021", asevera Pardal. "O Xacobeo vainos a situar e dar alento para poder continuar, aínda que é imprevisible o que vai suceder".

O sector da construción está paralizado por mor da pandemia | EP
O sector da construción está paralizado por mor da pandemia | EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Os contos os leva a vento !!! Sen recuperar a liberdade individual todo o demáis son pamplinas e videoconferencias e decretos imposibles de cumprir !!! Acaso non estamos a ver que nin foron capaces de facer test masivos, nin controlan as residencias privadas, nin saben nada de nada do virus (?) Como sigamos dando aplausos dende as ventanas teremos 10 anos para aplaudir un 25% de paro (e algún seguirá facendo footing na Moncloa!) Liberdade25Abril