Feijóo xustifica que non informa das súas decisións á oposición porque “xa comparece no Parlamento”

O presidente galego recrimináballe a Pedro Sánchez hai uns días que non consensuara cos presidentes autonómicos as decisións que aproba o Goberno central. Pide solidariedade á UE pero critica a Sánchez por repartir o diñeiro das autonomías no conxunto do Estado para afrontar a crise.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/04/2020 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, criticaba hai uns días duramente ao presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, por non consensuar determinadas medidas cos presidentes autonómicos, especialmente, en temas económicos. Unhas críticas que tamén lle lanzaban a el os líderes da oposición en Galicia que denunciaban que cancelara a reunión telemática do pasado domingo e que non informe das decisións da Xunta nesta crise.

Feijóo o día que deu a rolda de prensa desde as instalacións do 061 en Silleda
Feijóo o día que deu a rolda de prensa desde as instalacións do 061 en Silleda | Fonte: Youtube

Feijóo xustificou a súa decisión en que xa comparece na Cámara galega. “Son o terceiro presidente en comparecer na deputación permanente. Adicionalmente os grupos parlamentarios pediron a comparecencia de Política Social e do vicepresidente da Xunta”, xustificou ao ser preguntado por Galicia Confidencial na rolda de prensa telemática deste domingo.

En todo caso, suliñou que este mesmo domingo os líderes da oposición están convocados a outra xuntanza telemática e xustificou a cancelación da do pasado domingo porque non tiña coñecemento do real decreto que ía aprobar o Goberno central para limitar a actividade económica a asuntos esenciais.

NOVAS CRÍTICAS

Con todo, Feijóo volveu a insistir en que a Galicia se lle retiraron 100 millóns de euros destinados a emprego, a pesar de que o Goberno central anunciou que redestribuirá o diñeiro entre o conxunto das autonomías para afrontar a pandemia e que Galicia recibirá 35 millóns, 17 en material de asuntos sociais e 17 en material sanitaria. “Pois nós diso aínda non recibimos nada”, queixouse Feijóo.

Ademais, advertiu que Sánchez alertou que tamén se poderían redistribuír outros 35 millóns do plan de vivenda da Xunta.  “Por iso hoxe fixemos unha especie de aparte porque a lealdade ten que ser mutua porque España é o único que ten capacidade de acudir ao Banco Central Europeo”, dixo Feijóo.

SOLIDARIEDADE A EUROPA

Curiosamente, e a pesar de non entender esta distribución de diñeiro no conxunto do Estado, Feijóo pediu solidariedade a Europa para afrontar esta pandemia. “Europa e as súas autoridades non estiveron brillantes no momento de decisión de actuar ante a pandemia. China, Corea e Xapón estaban moi lonxe e Italia estaba aí, pegada a nós”, dixo ante o atraso na toma de medidas.

Agora hai distintas fórmulas. Eu son partidario de que Europa propoña un paquete de medidas intensa para seguir investindo en sanidade, servizos sociais e pensións”, dixo. Pero tamén recoñeceu que os estados teñen que facer “esforzos”. “O diñeiro dos europeos ten que gastarse de forma correcta entre os europeos e porase diñeiro se entre todos buscamos unha saída”, dixo á hora de facer unha distribución do diñeiro europeo.  “É a crise máis forte desde que existe a UE. E todos temos que concretar o que queremos. Solidariedade si pero con responsabilidade e responsabilidade con solidariedade”, engadiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta