A situación das residencias indigna á oposición que pide responsabilidades a Feijóo

O PSdeG urxe á valedora do Pobo que garanta os dereitos de usuarios das residencias. Galicia en Común pide que se medicalicen todos os centros e o BNG que os maiores sen covid-19 poidan ir con familiares e esixirá unha investigación parlamentaria

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2020 | Actualizada ás 15:40

Comparte esta noticia

Os principais grupos da oposición coincidiron este mércores en criticar duramente ao goberno galego pola súa xestión das residencias de maiores tras o aumento do número de mortos e contaxiados nestes centros. Así, reclamaron a intervención destes centros e que se investigue o que está acontecendo.

Desinfección nunha residencia de maiores por parte da Brilat. BRILAT
Desinfección nunha residencia de maiores por parte da Brilat. BRILAT

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou á Xunta a extremar as medidas para atallar a situación nas residencias de maiores e pediu á valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, que interveña para garantir os dereitos dos usuarios destes centros. Nunha rolda de prensa telemática ofrecida este mércores, o xefe de filas dos socialistas galegos asegurou que a situación destes espazos, nos que se rexistraron uns 900 contagios, "preocupa" ao PSdeG.

"Cada día que pasa os datos son máis preocupantes e a Xunta de Galicia ten que cumprir escrupulosamente con todas as competencias e intervir nas residencias nas que existen contaxios amplos e masivos", manifestou Gonzalo Caballero, que urxiu "bolsas máis amplas de persoal" para estes centros e a "protección" adecuada.

O socialista, que lamentou que a conselleira de Política Social non solucionase as dúbidas da oposición na súa comparecencia no Parlamento, explicou que lle seguen chegando queixas de familias e traballadores "moi preocupados" pola situación que se vive nestes espazos en Galicia.

"Sabemos que hai denuncias vía xudicial e que existen demandas e reclamacións ante a valedora do Pobo", sostivo Gonzalo Caballero, que pide á defensoría galega que tome "todas as medidas necesarias" para defender e protexer aos dereitos dos cidadáns que residen nestes centros. "Por iso confiamos en que, respondendo as queixas e de oficio, --a valedora-- poña o tema das residencias na axenda de prioridades da defensa da cidadanía", subliñou o secretario xeral do PSdeG, que incidiu en que os maiores e as persoas con diversidade funcional "son os cidadáns máis vulnerables" nesta situación.

GALICIA EN COMÚN

"Estamos a recibir denuncias de familias de usuarios e de traballadores de residencias que indican que se está pondo en risco as súas vidas", manifestou tamén o voceiro en Común, Antón Gómez Reino, que cualificou de "vergoña" que tivese que ocorrer unha epidemia para "pór ao descuberto" as "grandes carencias" de "tantos anos de recortes e privatizacións" no sistema asistencial á terceira idade.

O portavoz da coalición insistiu en que a Xunta ten que exercer as súas competencias e intervir e medicalizar as residencias. "Levamos semanas dicíndoo", subliñou. Ademais, instou á Xunta a dar a coñecer todos os datos sobre a afectación da epidemia na cidadanía galega. "Se queremos combater eficazmente a epidemia, temos que coñecer todos os datos sobre a súa expansión e a súa gravidade", argumentou Gómez Reino, que instou a Feijóo a "actuar con transparencia e lealdade á cidadanía". "Isto non se combate só con propaganda", deixou claro o tamén secretario xeral de Podemos Galicia.

BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou que os maiores que non presenten síntomas de covid-19 e así o queiran e soliciten, poidan pasar o confinamento en casa das súas familias, tras as probas de confirmación pertinentes. Ademais, avanzou que os nacionalistas, unha vez pase o estado de alarma, pedirán unha investigación no Parlamento de Galicia para que as familias "coñezan" o que ocorreu nestes centros e se se actuou con protocolos de protección desde o primeiro momento.

Para a dirixente nacionalista, é "prioritario" que a Xunta "actúe" e bote ao carón "o abandono" de funcións. Reiterou que ten que "anticiparse e intervir todas as residencias deste país, para actuar conforme aos protocolos establecidos". Entre outras cuestións, Pontón sinalou que hai que "acelerar as probas para ver se hai focos en residencias" e garantir o material adecuado, nesta atención en residencias, así como no servizo de axuda no fogar. Así mesmo, reclamou un "protocolo de información ás familias", para que poidan coñecer a situación dos residentes.

Entre as medidas propostas, tamén se atopan que "aquelas persoas e familias que se queiran facer cargo" das persoas internadas, se lles permita " facelo". Para iso, é preciso levar a cabo as "probas necesarias" para garantir que "non hai contaxios", e asegurarlles a praza na residencia cando termine o confinamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Compostelá

Eu inda estou esperando a que algún partido defenda desfacer a privatización da atención á dependencia, e a xestión privada das residencias públicas de maiores. Pregúntome se algún deles, no caso de que o PP Gerda as eleccións, vai arranxar isto e cancelar os contratos de explotación privada dos recursos públicos que debían estar xestionados por entidades públicas. Tampouco comprendo que, dada e ENORME escaseza de residencias públicas, a gente acepte ese bono residencia que non serve para máis que para enriquecer a empresas privadas relacionadas coa xeriatría e atención á dependencia. Non podo comprender por que ningún se mobiliza. Moito me temo que se o PSOE gaña na Galiza deixarán correr o tema e nada cambiará en canto á atención á dependencia.