Feijóo insiste en que os test rápidos de Madrid non lle serven e pide outros 67.000

A pesar de que estas probas certifican en 15 minutos un positivo por coronavirus, Feijóo di que non se sabe se a persoa está inmunizada ou non e que se precisarán outro tipo de probas, as PCR. O Ministerio de Sanidade defende a utilidade destes test, con "fiabilidad plena" nos casos que dan positivo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/04/2020 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, utilizou ao seu comité científico, o que traballa para o Sergas, para criticar ao Goberno central polos case 60.000 test rápidos remitidos a Galicia hai uns días. “Non nos serven para facer diagnósticos fiables”, queixouse ao tempo que anunciou que a Xunta mercará outras 67.000 unidades destes test.

Feijóo en rolda de prensa
Feijóo en rolda de prensa | Fonte: Youtube

“Desde o punto de vista técnico hai varias modalidades, uns destinguen anticorpos e outros non. E a clave é distinguir o anticorpo e saber quen está innmuizado e o que non está inmunizado”, explicou sobre este tipo de test rápidos ao suliñar que os que vai mercar a Xunta –que non se sabe cando chegarán--, tentarán ser dos segundos.

Así, nunha rolda telemática logo do Consello da Xunta, Feijóo dixo que os test enviados por Madrid poden dar “falsos positivos”. “Lamentablemente, e ante as dificultades de adquirir o test, pois non son os que esperabamos e pensabamos que ían dar diagnóstico sen ter que complementalos con PCR”, dixo en alusión a outras probas moitas máis seguras.

DECLARACIÓNS DO DOMINGO

Con todo, o pasado domingo, antes da chegada destas probas, destacaba que a todas as persoas que deran negativo tamén se lle faría probas PCR porque “son test de apoio”. Preguntado ao respecto desta afirmación que dixo hai uns días, e o seu cambio de criterio, insistiu en que o que trasladou ese día é que pensaba que os positivos eran “positivos certos”, e que os negativos había que complementalos. “Pero agora temos que complementalos todos”, dixo.

Con todo, este tipo de test rápidos determina se unha persoa é positiva, estea ou non inmunizada, co que o protocolos da Xunta deberían ser os mesmos. Pero Feijóo quixo aclarar que “non é o mesmo unha persoa que xa está inmunizada aínda que é positiva doutra que non o é”, e que non se pode poñer ás dúas persoas no mesmo lugar.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Este mércores os líderes a oposición foron moi críticos con Feijóo e o acusaron de “partidismo” por criticar duramente ao Goberno central, ante as dificultades que existen para conseguir material, tras recibir estes test.

“É sorprendente que digan iso, senón que lles pregunten aos microbiólogos se din que non valen para facer diagnósticos fiables. Entendiamos que por si sós os test ían diagnosticar os positivos pero levamos certa decepción”, respondeu ao ser preguntado ao respecto.

MINISTERIO DE SANIDADE

Pola súa banda, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, defendeu este mércores no Congreso a utilidade dos test rápidos para "ampliar a capacidade diagnóstica" e "cribar" os casos en colectivos de alta prevalencia do COVID-19, como hospitais e residencias, "dunha forma rápida e segura", e subliñou que a súa fiabilidade é "plena" nos casos que dan positivo.

O ministro de Sanidade defendeu a utilidade destas probas no Congreso dos Deputados, onde considerou necesario incrementar a capacidade diagnóstica a pesar de que "España está entre os países que máis PCR diarias realiza", con entre 15.000 e 20.000 ao día.

Na súa comparecencia, Illa recoñeceu que as máis fiables son as coñecidas como PCR, que foron as utilizadas por países que basearon a súa estratexia en diagnosticar o maior número posible de casos, como son Corea do Sur ou Singapura. Respecto diso, aínda que sostivo que en España hai unha "fabricación nacional suficiente de PCR, sinalou que hai necesidade de aumentar os kits de extracción. "Estamos a traballar en diferentes vías que esperamos que poidan dar pronto os seus froitos para ampliar a produción destes kits", sinalou.

Neste contexto, indicou que, de forma complementaria ás PCR, o Executivo central comezou a repartir entre as comunidades autónomas máis dun millón de test de diagnóstico rápido de detención de anticorpos. "En total o Goberno adquiriu 5 millóns e iraos repartindo nos próximos días e semanas", apuntou. O ministro explicou que estes test permiten facer probas en ámbitos de "elevada prevalencia", como hospitais e residencias de maiores, "onde pode haber alta probabilidade de contaxio" e "detectar a persoas contaxiadas".

Salvador Illa sostivo que, nos casos nos que dá positivo, "estes test teñen unha fiabilidade plena, do 100%". Con todo, precisou que, nos casos nos que dá negativo, "ao ser menor a súa fiabilidade", débese realizar, como recomenda o Instituto Carlos III, unha "PCR para confirmar o diagnóstico".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xanc

As PCR tiña que telas comprado antes do Covid e non recortar tanto. As PCR valen para outros moitos microorganismos polonqie non hai excusas para que a Xunta de Feijóo non teña PCR. O problema é que presumía do que recortaba e aforraba, e aí está o problema: Recortes Feijóo