A Xunta advirte de que morren 20 persoas diarias pero ve "motivos para a esperanza"

Feijóo cre que sería "bo" que o Goberno aclarase o seu "criterio" no plan de volta á normalidade en cuestións como as saídas dos nenos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2020 | Actualizada ás 18:12

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que hai "motivos para a esperanza" se se analiza a evolución dos datos nos últimos días na Comunidade, pero tamén advertiu do número de mortes diarias. "Coñecemos o sucedido noutras rexións e hai que tentar evitar un rebrote", sentenciou o presidente galego, quen advertiu de que "a mellor situación en Galicia" no que respecta ao número de casos tamén a sitúa nunha posición máis "débil" no que respecta ás persoas "inmunizadas".

En todo caso, chamou a non perder de vista que cada día morren en Galicia "ao redor" de 20 persoas, "unha cifra arrepiante", nun país, España, no que os falecidos "con nome e apelidos que deixan familias" ascenden a 14.000.

O presidente manifestou que de momento a taxa de letalidade do virus na Comunidade galega é das máis baixas, pero insistiu en que, cos datos que hai sobre a mesa, "Galicia non deixará o estado de emerxencia sanitaria", con independencia do que ocorra co estado de alarma --que en principio seguirá ata o 26 de abril e depende do Goberno central--.

SAÍDAS DOS NENOS

Preguntado acerca de se considera que, do mesmo xeito que se retoma tras Semana Santa actividade empresarial non esencial, deberíanse articular medidas para que os nenos puidesen saír a pasear preservando a seguridade da saúde pública, Feijóo apelou á "prudencia" e incidiu en que "as cousas varían en catro ou cinco días", que é o que falta para a videoconferencia de presidentes do próximo domingo.

"E ata o 26 aínda hai moito máis tempo", engadiu, antes de advertir que, en todo caso, si considera que hai que "tomar decisións". E para iso, remarcou que sería "bo" ter "un criterio" do Goberno central "en relación a este asunto". "Se non, trasladaremos o noso de como podemos retomar determinados comportamentos sociais, sobre todo para os nenos, que levan tempo confinados, respectando límites de distancia social, protocolos e rede de seguridade", avanzou, antes de precisar que á Xunta preocúpalle con "intensidade" o caso dos menores con necesidades especiais

Respiradores ou equipos de Respiración instalados nas UCIS para facer fronte ao coronavirus
Respiradores ou equipos de Respiración instalados nas UCIS para facer fronte ao coronavirus | Fonte: EFE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta