Os datos que a Xunta ocultaba ata hoxe: o 40% dos falecidos son maiores de residencias

Feijóo di que quere salvar a “vida dos maiores” pero os xeriátricos son xa o principal foco de contaxio en Galicia. Centros de Santiago, Cangas, Vigo e Ourense concentran o 35% dos casos. A oposición pide medidas contundentes e a Xunta acusa ao Goberno central por non mandar test rápidos eficientes. A Fiscalía Superior de Galicia anuncia que xa está investigando a situación.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/04/2020 | Actualizada ás 22:32

Comparte esta noticia

“A prioridade número é salvar vidas... Non imos deixar que ninguén morra ou teña máis posibilidades de morrer pola súa idade". Era a contundente mensaxe que daba este mércores o presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo. Pero a realidade é máis dura que as palabras.

Ambulancia trasladando a maiores de centros de residencias contaxiados con coronavirus
Ambulancia trasladando a maiores de centros de residencias contaxiados con coronavirus | Fonte: c Miguel Núñez

O falecemento doutras 6 persoas en hospitais e 7 máis en residencias de maiores de Galicia elevaba no mediodía deste mércores a 278 o número de vítimas mortais do coronavirus en Galicia, 221 en hospitais e 57 en centros xeriátricos. Unhas cifras que se se analizan polo miúdo amosan unha triste e impactante realidade; o 39% dos mortos son xa persoas maiores que vivían neste tipo de residencias.

A decisión, finalmente, do Goberno galego de facilitar o número total de usuarios falecidos tanto nos propios centros como nos hospitais amosou unha cifra que case duplica o número oficial facilitado o martes 7 de abril de mortos en residencias; un total de 108 persoas. E dicir, que os 62 usuarios falecidos nos xeriátricos hai que sumarlle 46 máis mortos nos centros hospitalarios de Galicia.

Unha cifra que aumenta día a día. Por iso, Feijóo situou as residencias de maiores e discapacitados como "maior foco de preocupación" para o seu Executivo e insinuou que parte da responsabilidade desta situación é do Goberno central por mandar uns test rápidos que non sirven como "proba única" porque non son "fiables" no diagnóstico. “E isto non pode acelerar a detección da enfermidade nestes centros”, indicou na rolda de prensa telemática posterior ao Consello da Xunta.

Unhas escusas que lamentaron e criticaron duramente os partidos da oposición en Galicia que acusan ao presidente galego de facer “partidismo” cun tema tan sensible como esta crise sanitaria e a morte dos maiores.

GRANDES FOCOS

Este mércores, 8 de abril, son 40 as residencias con contaxiados, oito máis que o día anterior. E nelas hai 708 usuarios e 273 traballadores contaxiados, que representan o 18% do total de contaxiados de Galicia. Pero hai catro puntos onde se concentra o maior número de casos; son as residencias privadas de DomusVi en Cangas, Vigo e Santiago e Nuestra Señora de la Esperanza, dependente da Fundación san Rosendo e do Bispado de Ourense.

Estas residencias suman case 450 casos e o maior número de mortos. A DomusVi San Lázaro, de Santiago ten a 82 maiores contaxiados e a 37 traballadores.  En Nuestra Señora de La Esperanza, San Rosendo, son 103 usuarios e 34 traballadores, mentres que na Domus Vi Aldán de Cangas son 98 maiores e 17 traballadores e na DomusVi Barreiro de Vigo, 66 maiores e 11 traballadores.  

Controlados parecen xa o primeiro gran foco de contaxio en Galicia, a residencia San Carlos, de Celanova, que ten 40 usuarios contaxiados e 18 traballadores, e a do Portazgo, na Coruña, con 39 maiores e 18 empregados. Pero os contaxios chegaron xa a residencias de toda Galicia.

FISCALÍA

BNG e Galicia en Común pedían este mércores a intervención de todas as residencias e o PSdeG a intervención da Valedora do Pobo. Tamén a Fiscalía Superior de Galicia decidiu abrir dilixencias preprocesais civís con motivo da denuncia do Defensor do Paciente e remitiunas ás Fiscalías Provinciais e de Área.

De feito, as fiscalías provinciais xa están a manter un seguimento diario de centros residenciais da terceira idade, tanto públicos como privados, sobre a situación de cada centro, persoas falecidas, medidas adoptadas para evitar propagación ou seguimento de protocolos para “velar polos intereses das persoas vulnerables como os maiores de idade, dada a función tuitiva encomendada constitucionalmente ao Ministerio Fiscal”.

POSTURA DA XUNTA

Polo momento, e a pesar do gran número de falecidos, Feijóo négase a sancionar a unha das principais responsables da situación actual, a empresa DomusVi. “Hai un expediente informativo e, en función do que nos diga ese expediente, actuaremos”, dixo este mércores.

“Non quero prexulgar ou facer xuízos anticipados. Nós intervimos as dúas residencias e activamos un expediente informativo e en función do que diga o instrutor dese expediente, actuaremos”, insistiu tras ser preguntado ao respecto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Dalle que libras

E cando pensa cesar á Conselleira de Benestar Social ?

1 Gamela

Se logo de 25 días aínda non somos quen de contar os mortos... fíate tí dos demáis datos !!! https://www.xunta.gal/notas-de-pren...