Temas: FRASEOLOXíA

Paremias galegas equivalentes á castelá “una golondrina no hace verano”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 12/04/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Gardando certa relación co contido do anterior artigo, imos desta volta reflectir paremias galegas coas cales expresamos que un exemplo ou caso illados non fan fe para os podermos considerar como regra ou norma, contido que en castelán se adoita transmitir coa secuencia una golondrina no hace verano.

Anduriña
Anduriña | Fonte: silvandoalcaminar.blogspot.com

Una (sola) golondrina no hace verano (, ni una sola virtud bienaventurado)

{= Expresións con que se indica que un exemplo ou caso illado non fai regra ou norma.}

Unha anduriña/andoriña (soa) non fai verán

Un cuco só non fai verán

Unha mosca (só/soa) non fai verán

Un pau (só) non fai sebe && Un só pau non fai sebe

Un tallo non fai escola

Unha fouce non fai sega

Unha barruza non fai inverno

Un gran non fai montón

Unha (soa) palla non fai palleiro

Unha besta non fai feira

Ex.: Sí que es verdad que ha cometido un acto reprobable, pero consideramos que es buen chico, por lo que, dado que una golondrina no hace verano, no lo vamos a expulsar.

Si que é certo que cometeu un acto reprobable, pero coidamos que é bo rapaz, polo que, dado que unha anduriña non fai verán dado que un cuco só non fai verán dado que un só pau non fai sebe dado que un tallo non fai escola dado que unha fouce non fai sega dado que unha barruza non fai inverno dado que un gran non fai montón dado que unha palla non fai palleiro, non o imos expulsar.

● Tamén:

Unha mosca non fai feira && Un só demo non fai inferno

● E mais tamén:

Un dedo no hace mano, ni una golondrina verano && Ni un dedo hace mano ni una golondrina verano

Nin un dedo fai man nin unha anduriña/andoriña fai verán

● E mesmo tamén:

Un caso solo no hace regla

Un caso só non fai regra

NOTAS:

1. Tal e como pretendemos indicar coa inclusión do signo consistente na barra inclinada (/), tanto a voz anduriña coma andoriña (que se veñen a corresponder coa castelá golondrina) son normativamente correctas en galego

A palabra barruza é unha variante do que normativamente se recolle como barruzo (“chuvia miúda”).

O vocábulo tallo entendemos que fai referencia aos asentos sen respaldo que había en certas escolas antigas.

A voz sebe (de xénero gramatical feminino) vénse a corresponder co que en castelán se denomina seto.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Ferro Ruibal, Xesús & Veiga Novoa, Cristina: “Paremias selectas. Un manuscrito bonaerense (1956) de Vicente Llópiz Méndez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 265-315. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús & Groba Bouza, Fernando: “Dichos y refranes y dialecto vianés de Laureano Prieto (1951)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 259-282. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta