Incrementase a presión para os reincidentes: xuízos rápidos e prisión para os que se saltan a corentena

O xulgado di que "existe unha altísima probabilidade de que continúe circulando pola vía pública desatendendo frontalmente, con absoluto desprezo ao principio de autoridade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2020 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

O Xulgado de Instrución Número 2 de Corcubión (A Coruña), en funcións de garda, decretou a prisión provisional, comunicada e sen fianza para un home por supostamente incumprir o confinamento derivado do estado de alarma.

A Fiscalía pide para el 363 días de prisión pola comisión dun delito grave de desobediencia á autoridade con agravante de reincidencia, xa que, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), xa fora condenado o pasado 1 de abril pola mesma razón.

No auto de prisión provisional, a xuíza asegura que existen indicios suficientes para afirmar que este venres o sospeitoso atopábase no interior do seu coche estacionado na vía pública no municipio de Vimianzo "cunha finalidade que dista moito de quedar encadrada nos supostos taxados que contempla o estado de alarma".

"Dunha simple lectura do atestado cabe apreciar un absoluto desprezo polo principio de autoridade que o investigado vén exteriorizando de forma sistemática e reiterada", subliña a xuíza.

En concreto, segundo relata, os días 5, 6 e 8 de abril o acusado foi interceptado por axentes e proposto para sanción por considerar que os seus desprazamentos en coche eran "inxustificados". O luns 6, tal e como consta no auto, "chegou mesmo a subtraerse da intervención dos axentes da Garda Civil pola excesiva velocidade á que circulaba".

Por todo iso, a xuíza considera que o risco de que volva delinquir "resulta patente". "Existe unha altísima probabilidade de que continúe circulando pola vía pública desatendendo frontalmente, con absoluto desprezo ao principio de autoridade e ao conxunto do ordenamento xurídico, as restricións á mobilidade das persoas", explica.

Ademais, aproveita para advertir da actual "situación excepcional, de gravidade e seriedade incuestionables" que "ameaza algo tan fundamental como a saúde pública". Deste xeito, o cumprimento do ordenamento xurídico "faise máis relevante que nunca e a posibilidade de reiteración delituosa constitúe un risco que o conxunto da sociedade non ha de asumir nin a autoridade xudicial permitir".

Control policial na Coruña. CONCELLO DA CORUÑA
Control policial na Coruña. CONCELLO DA CORUÑA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta