Feijóo insiste en manter as oposicións de Educación para xuño: “Hai que preservar os dereitos de moita xente”

Con todo, centos de opositores xa amosaron o seu rexeitamento a través das redes sociais e acusan ao presidente galego de “electoralismo”. Gonzalo Caballero e Antón Gómez-Reino pedían este domingo que se atrasen.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/04/2020 | Actualizada ás 18:36

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez, insistiu este domingo na intención do seu goberno de manter as oposicións de educación para xuño. Unha situación que suporía o desprazamento de milleiros de persoas nun momento no que a crise do Covid-19 aínda podería non estar controlada, aumentando a posibilidade de contaxios.

Oposicións en Silleda para técnico en coidados auxiliares de enfermaría. XUNTA - Arquivo
Oposicións en Silleda para técnico en coidados auxiliares de enfermaría. XUNTA - Arquivo

Precisamente, esa é a principal razón dada por centos de opositores que se mobilizaron a través das redes sociais baixa o cancelo #OPOñomeestaOPO e que acusan á Xunta do PP de electoralismo e de poñer en risco a súa saúde, tal e como xa recolleu este sábado Galicia Confidencial. Con todo, o presidente galego insistiu en manter esa convocatoria. “Pensamos que eses opositores teñen dereito a ter unha praza no ensino público, e que levan estudando moitos meses para que en xuño se poidan examinar”, dixo.

Nós tomaremos esa decisión o antes posible pero se mantemos a data é para preservar os dereitos de moita xente que leva meses esforzándose e que pode ver que se acaban as posibilidades de obter un posto no 20 e teñen que agarda ao 21”, dixo nunha rolda de prensa telemática tras o encontro virtual entre os presidentes autonómicos e o presidente español Pedro Sánchez.

Feijóo volveu sinalar ao Goberno de Pedro Sánchez como responsable da decisión final ao indicar que, se o Estado de Alarma remata este 26 de abril, esa convocatoria se podería manter. “Ata o 26 está pero non sabemos se se vai alongar e na xuntanza de hoxe non aclarou nada ao respecto”, engadiu.

OPOSICIÓN

Este mesmo domingo, o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, era contundente a este respecto e pedía que a convocatoria sexa adiada. “Ás oposicións a 3.600 prazas de educación presentaranse milleiros e milleiros de opositor@s. O resto das CCAA xa aprazaron oposicións. En Galicia hai que consensuar xa un novo calendario fronte a inacción e falla de claridade da Xunta”, escribía na súa conta de tuiter.

Tamén o líder de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, pedía tamén este domingo nas súas redes socias “respecto e claridade” ao goberno de Feijóo. “A Xunta ten que dar unha resposta clara garantindo que as oposicións de profesorado se dan con garantías sanitarias”, indicaba. Tamén dirixentes políticos do BNG, como Ana Miranda, amosaron nas redes sociais o seu apoio aos opositores e a voceira do Bloque, Ana Pontón, nun comunicado do BNG do pasado luns demandaba “claridade, transparencia e realismo sobre o futuro das oposicións " que a Xunta "asuma as súas competencias sen delegar en Madrid".

SINDICATOS

Por outra banda, os distintos sindicatos se manifestaron en contra destas oposicións. UGT mesmo chegou a realizar unha enquisa na que participaron máis de 7.000 persoas e nas que máis do 93% se opón a realización destas probas en xuño. Pola súa banda,  CIG-Ensino denunciou que "non se pode xogar cos opositores e opositoras" e esixiu aprazar de forma definitiva as oposicións docentes, pois "todo o demais é someter a miles de persoas a un engano".

Os sindicatos de profesorado tamén esixiron a convocatoria "urxente e inmediata" da mesa sectorial de Educación para abordar a data concreta das oposicións docentes. CIG-Ensino, CC.OO. Ensino, ANPE e FeSP-UXT emitiron este sábado un comunicado e unha solicitude conxunta para que se convoque este órgano de negociación, coa presenza da propia conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo 2

Si, si, para preservar os direitos da gente. Mais bem será para preservar o direito de Feijóo de fazer a maior convocatória de oposições, por suposto, em ano eleitoral! E agora tem medo que tenha que ir as eleições que as oposições as convoquem outros... Para Feijóo o direito a saúde em tempos de crise, guerra ou coronaviures é um direito não essencial

1 Expaña e ruina e miseria

e polo das eleccions e para enchufetear a uns cantos que van vir de todos lados incluso de mandriles, para colocar os amigos e os fillos dos amigos... non lle importa preservar Galiza fronte a expaña!!!! ESTAMOS VENDIDOS!!!! estase a axeonllar diante de perico de sanchez e o coletas... E UN CIPAIO DE EXPAÑA!!!