Afundación e Abanca doan 27.000 máscaras e pantallas a residencias de Galicia

O banco decidiu manter os seus patrocinios en deporte base e profesional e anticipou automaticamente ao 24 de cada mes (ou seguinte día hábil) o pago de todas as pensións domiciliadas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2020 | Actualizada ás 13:26

Comparte esta noticia

Abanca e Afundación repartirán 20.000 máscaras cirúrxicas e 7.000 pantallas faciais protectoras entre todas as residencias de maiores, públicas e privadas, de Galicia. O material, que comezará a chegar a cada centro a partir da próxima semana, é para o uso dos residentes e de todo o persoal directo que traballa nelas.

Tal e como informou Abanca, as máscaras e as pantallas faciais repartiranse entre todos os centros de maiores en función do número de residentes e dos traballadores directos que teñan. No envío de material priorizaranse aquelas residencias impulsadas por iniciativas sociais, que "son as que teñen máis dificultade para o acceso a este material de protección".

As máscaras doadas por Abanca son cirúrxicas e teñen "a máxima protección posible". As pantallas faciais están a ser fabricadas por un grupo de voluntarios de Afundación formado por persoal e antigos alumnos do Colexio Fogar e por traballadores de Afundación. Este grupo, composto por uns 40 voluntarios, está a fabricar ao redor de 1.000 pantallas diarias para doalas ás residencias de anciáns de toda Galicia.

OUTRAS INICIATIVAS

Esta iniciativa súmase a outras tomadas polo banco nas últimas semanas para tratar de paliar as consecuencias económicas, sanitarias e sociais da expansión da COVID-19. Entre outras cuestións, Abanca realizou hai unhas semanas a compra de 150 unidades individuais de coidados intensivos que se doaron ao Sergas.

Así mesmo, decidiu manter os seus patrocinios en deporte base e profesional a pesar da suspensión das competicións e todos os clubs recibirán nas datas previstas as cantidades estipuladas nos acordos que manteñen co banco.

No ámbito financeiro, a entidade decidiu anticipar automaticamente ao 24 de cada mes (ou seguinte día hábil) o pago de todas as pensións domiciliadas, unha medida especialmente dirixida ao colectivo de clientes de maior idade. A maiores, tamén se puxo en marcha o 'Plan Anticipar' mediante o cal se mobilizaron 7.900 millóns de euros en liñas de liquidez para empresas, pemes, autónomos, negocios e comercios.

Abanca tamén participa nun seguro para protexer a 700.000 sanitarios que loitan contra a COVID-19. A póliza dará cobertura a máis de 700.000 médicos, enfermeiros, auxiliares de enfermaría, celadores e persoal de ambulancias involucrados directamente na loita contra o coronavirus en hospitais, clínicas, ambulatorios e residencias de maiores, tanto públicos como privados.

Máscaras de quirófano e material cirúrxico. EUROPA PRESS - Arquivo
Máscaras de quirófano e material cirúrxico. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta