"Feijóo está xogando coa saúde de milleiros de opositores por electoralismo"

PSdeG, Galicia en Común e BNG piden o adiamento das probas e garantir a seguridade dos participantes. Os sindicatos alertan das consencuencias sanitarias que tería a celebración das probas coa concentración de grupos de máis de 300 persoas, e milleiros de participantes, de toda Galicia e do resto do Estado.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/04/2020 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

“Nós tomaremos esa decisión o antes posible pero se mantemos a data é para preservar os dereitos de moita xente que leva meses esforzándose e que pode ver que se acaban as posibilidades de obter un posto no 20 e teñen que agarda ao 21”. Esta foi a explicación dada polo presidente da Xunta para manter as oposicións de educación no mes de xuño. Unha decisión que provocou unha campaña sen precedentes nas redes sociais para o seu aprazamento e que a que se sumaron todos os sindicatos e partidos políticos da oposición que acusan a Feijóo de xogar coa saúde de milleiros de opositores por intereses electorais.

Feijóo, antes de comparecer en rolda de prensa na sede da Xunta. Xunta de Galicia
Feijóo, antes de comparecer en rolda de prensa na sede da Xunta. Xunta de Galicia

Tanto os líderes de PSdeG, como Galicia en Común e o BNG coincidiron este luns na necesidade de  aprazar para o 2021 as probas “tal e como fixeron case o totalidade das autonomías”. “Vanse presentar milleiros e milleiros de opositores e hai que ser conscientes do que iso implica”, apuntou Gonzalo Caballero, secretario xeral dos socialistas galegos, aludindo a un desprazamento masivo de xente nun momento no que a crise sanitaria non estará solventada. Por iso, criticou que manter a data de xuño “non é o máis estable”.

No mesmo sentido se pronunciou tamén Antón Gómez-Reino, candidato de Galicia en Común, que inistiu en que as probas teñen que darse “con todas as garantías sanitarias” e con respecto para os opositores. “Baixo o noso punto de vista, hai que convocar os sindicatos e axentes sociais e acordar con eles un novo calendario porque é evidente que manter a data non o entende ninguén”.

Tamén a voceira do BNG, Ana Pontón, instou a Feijóo a cambiar a data das probas a 2021 “por responsabilidade” para que haxa “garantías” para os participantes. Tamén reclamou que o vindeiro ano se faga unha convocatoria máis ampla. “É lóxico ese aprazamento. Non vai volver haber actividade nas aulas. O resto é xogar coas esperanzas de moitas persoas con esta incerteza da Xunta”, indicou.

SINDICATOS

Pola súa banda, forzas sindicais con representación dentro do mundo do ensino consideran tamén "electoralista" o comportamento do presidente da Xunta e piden o aprazamento das probas. Interpretan que a Consellería de Educación non tería ningún peso político dentro do gabinete galego xa que as decisións as está adoptando o propio Núñez Feijóo.

Oposicións en Galicia. XUNTA - Arquivo
Oposicións en Galicia. XUNTA - Arquivo

“Non me cabe na cabeza outra interpretación, quixera que non fose así, mais non me dá para entender outra razón” declara Suso Bermello de CIG-Ensino. Bermello considera que a actuación de Feijóo neste tema é a de querer aparentar unha normalidade que non existe. Para o dirixente sindical a postura do presidente da Xunta pode resumirse en “se podo convocar eleccións, podo convocar oposicións”.

Luz López, de CC.OO Ensino, estima que a suspensión das eleccións non implicou a suspensión da campaña electoral. “Téñoo moi claro, son manobras que demostran prepotencia, unha maneira de venderse electoralmente”. López sinala que a convocatoria de oposicións ten un papel moi importante dentro dunha futura campaña electoral.

A mesma percepción ten Paula Carreiro de UGT Ensino. “Durante unha campaña electoral queda moi en dicir que creaches 3.000 postos de traballo”. Non obstante, Feijóo podería estar xogando as súas cartas antes das datas electorais e esperando movementos do Goberno central.

E SE HAI CONTAXIADOS?

A cuestión é que se se realizan as probas e se resultan persoas contaxiadas por coronavirus, Feijóo “non tería en que ampararse”, di Suso Bermello. “O presidente da Xunta é quen convoca as probas e por tanto, o Goberno central non pode ser o seu escudo” en caso dunha fallo sanitario. “É como se se quixese posicionar dentro do PP como un bo xestor” declara Luz López. A sindicalista de CCOO cre que Feijóo está facendo unha campaña electoral onde “todo vale”.

“Apelamos á moralidade do goberno galego e do seu deber de protexer o profesorado”, di Paula Carreiro. O chamado da sindicalista de UGT, responde á análise que se fai sobre o risco para a sáude das persoas que participen nas oposicións, desde profesores que formen parte dos tribunais, vedeis e os propios opositores.

De momento, Galicia segue segue sen mover as súas datas. O País Vasco, tamén enmarcado nun proceso electoral, adiou o exame aínda sen data concreta. Pola súa parte, Cataluña atrasou ata o mes de xullo a súa convocatoria. Os tres están pendentes de procesos electorais.

OPOSITORES

Tras coñecerse a decisión da Xunta de manter o calendario, a pesar da crise do COVID-19, milleiros deles denunciaron a través das redes sociais a posibilidade de ter que realizar as probas e pídenlle á Xunta que que anuncie de inmediato un aprazamento desta proba, como xa fixeron o resto de comunidades autónomas.

Por iso se activaron en redes sociais como Facebook, Tuiter, youtube ou mesmo Instagram e baixo o cancelo #OPOñomeaestaOPO piden a mobilización para evitar a celebración destas probas. Así activaron unha recollida de sinaturas e mesmo unha enquisa telemática, que realizou FeSP-UGT e na que participaron máis de 7.000 persoas entre interinos e substitutos, opositores e funcionarios de carreira. O resultado non deixa lugar a dúbidas, 92,7% está en contra e só un 7,3% a favor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta