'Dakidarría' grava unha versión acústica de 'Terra' durante o confinamento

Baixo o lema "do pobo e para o pobo", participan un total de 61 grupos da cultura galega no novo vídeo.

Por Raúl Novoa | Santiago de Compostela | 14/04/2020 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

A banda formada entre Nigrán e o Val Miñor, Dakidarría, acaba de subir ás plataformas dixitais unha nova versión da súa coñecida canción 'Terra'.

O grupo 'Dakidarría'.
O grupo 'Dakidarría'.

No novo vídeo, grabado desde a casa, aparecen unha morea de grupos e artistas galegos. Nao, Caldo, Ezetaerrre, Herdeiros da Crus, Os Vacalouras, Tiro na Testa, Muxicas, Moon Cresta, Kalaikoi, As Punkiereteiras, Soak, Tanxugueiras, High Paw, Guadi Galego, entre outros e sumando un total de 61, filmáronse na súa casa para dar o seu apoio a esta iniciativa. 

Baixo o lema "do pobo e para o pobo", o propio grupo manifesta nas súas redes sociais que, "A cultura galega está viva grazas ás artistas pero tamén grazas ó pobo que sabe valorala e apoiala... Por iso, xa que agora non podemos atoparnos nos palcos, traemos esta canción dende as nosas casas ata as vosas". 

En canto á situación económica que está a pasar o grupo pola crise da COVID-19, "o noso colectivo está sufrindo e está sendo abandonado á súa sorte unha vez máis", sinalan. "Veñen meses moi duros sen actuacións por diante e con todo o que iso leva consigo. Nun sector ancorado na precariedade sabemos que moitas de nós ímolo pasar mal e o noso deber é permanecer unidas e loitar cóbado con cóbado", explican.

Con todo, demandan loitar "man a man, pola nosa cultura, polas nosas artistas e por tódalas profesionais do noso sector". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta