O gran temor do campo galego: "Que vai ser da carne, do leite ou das hortas se dura esta crise?"

A situación que pasa o sector agrogandeiro en Galicia ten unha nova fronte coa implantación do estado de alarma e a inmobilización de boa parte da sociedade. Isto implica que moitas explotacións, tanto gandeiras como agrícolas, verán reducidos os prezos dos seus produtos ou que se deban almacenar, o que tamén leva a perdas e que parte deles acaben no lixo por perecedeiros.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 16/04/2020 | Actualizada ás 21:48

Comparte esta noticia

A paralización social e produtiva pasará factura ao tecido económico galego cunha intensidade descoñecida. Ninguén se atreve a avaliar os posibles efectos en perdas de ingresos e postos de traballo a curto prazo, cando o estado de alarma estea levantado. Así, a produción de carne, leite e produtos de horta e por extensión todo o sector primario, vive a día de hoxe unha incerteza que só concluirá cos primeiros datos posteriores ao levantamento de restriccións.

Agricultura ecolóxica. GENCAT - Arquivo
Agricultura ecolóxica. GENCAT - Arquivo

De momento, a nivel estatal os agricultores e diferentes organizacións agrarias avisan dun incremento nos excedentes de leite e carne. Nalgúns casos xa se teñen denunciado prácticas abusivas por parte de compradores que, aproveitando a coxuntura, pretenden que os gandeiros vendan leite moi por debaixo dos prezos establecidos.

CARNE E LEITE

Desde a aparición da COVID-19, os prezos do leite están estancados ou as empresas colectoras queren pagar prezos moi baixos por non daren saída ao seu produto no mercado. “Dentro do sector lácteo sabemos que houbo renovacións de contratos cos mesmos prezos de contratos anteriores” di Isabel Vilalba do Sindicato Labrego Galego (SLG). A renovación é obrigatoria  por un ano, mais Vilalba denuncia que algunhas empresas renovan só por tres meses.

A falta de mercado e acumulación de stock fai que países como Francia estean pensando en baixar a produción. A falta de saída impide tamén unha venda fluída de animais grandes para carne, como por exemplo aquelas vacas que se consideran non produtivas en canto reprodución ou leite. Vendíanse para carne cunha gran clientela en restauración.

Ademais da carne de vacún, a de caprino e ovino, que en épocas como a Semana Santa tiña boa saída, este ano tamén sofren a caída de valor. “Isto tradúcese en que explotacións de gando en zonas de montaña ven moi tocados os ingresos en áreas xeográficas especialmente sensibles ao despoboamento” sinala José Ramón González de Unións Agrarias (UUAA). Por outra parte, a falta de saída para carne con selos de calidade, como o caso de Ternera Gallega, podería levar á conxelación do produto, coa perda de valor que iso trae.

As solucións que se propoñen para o sector leiteiro e cárnico van desde “unha inxección de rercursos para o sector, porque forma parte da produción esencial para o país” como apunta José Ramón González. Pola súa banda, Isabel Vilalba considera moi necesaria a reapertura dos mercados de proximidade ademais do pequeno comercio. “Non entendemos as políticas de abrir mercados nunhas comunidades e noutras non, por iso pedimos un protocolo de apertura para o sector”.

HORTA E FROITA

A produción hortofrutícola ademais de fornecer os mercados, en moitos casos supón un alivio para as economías familiares, tanto de agricultores profesionais como persoas que viven en áreas rurais. Tamén en relación con este tipo de produción está a reapertura dos mercados e comercios para darlle saída ao produto.

“Estamos a final de inverno e houbo xente que puido redistribuir levando produto a domicilio” apunta Isabel Vilalba. Ademais disto, varias administracións locais interviñeron coa compra de alimento de horta mediante programas sociais. José Ramón González apunta tamén ao sector do viño que  “poderá quedar afectado cando chegue o tempo da vendima, ademais de que agora mesmo estamos diante dunha paralización do consumo”.

As medidas de restricción de movementos implica que haxa agricultores que non podan ir aos terreos onde teñen as horas, por estaren a máis de 500 metros da residencia habitual. É por iso que se piden medidas especiais para este tipo de circunstancias.  Outro cultivo importante, o dos cereais, podería deixar de entrar en Galicia nas cantidades actuais, debido a que a maioría é de importación.

As posibles solucións para o sector hortofrutícola propostas polas forzas sindicais agrarias, pasarían  por apoio ao pequeño comercio, a reapertura dos mercados de proximidade e a elaboración de protocolos sanitarios para a seguridade das persoas e evitar contaxios.

Outras medidas de máis profundidade serían por exemplo, ampliar a superficie agraria útil, porque “a curto prazo, debemos pensar que perderemos calidade alimentaria” di Isabel Vilalba. González apunta ademais que “o diñeiro das partidas da PAC que non se usan, debera ser redistribuído” en canto podería axudar a paliar en parte, os efectos dunha crise como a que vive agora mesmo o campo.

A pregunta de que sucederá despois do levantamento da corentena, ninguén se atreve a facer cálculos. Isabel Vilalba cre que con esta pandemia se debera aprender a pór en valor cousas como a sanidade pública, a alimentación de proximidade e a atención aos máis vulnerables. Por outra parte, José Ramón González cre que é cedo para avaliar as consecuencias da corentena sobre o sector agrario e gandeiro. “Aínda non dispomos de estudos ou avaliacións sobre o que está sucedendo”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo 2

Há que apoiar aos produtos de proximidade, a seguinte fase da crise pode ser a econômica mas a pior será a alimentaria https://www.theguardian.com/global-... Nestes momentos ha que assegurar que os cultivos de proximidade continuem, sejam estacionais e variados porque deles comeremos os próximos anos.