En Común insiste en que a Xunta debe intervir as residencias de maiores

PSdeG urxe á Xunta acordar co Parlamento un plan de medidas para empresas, autónomos e traballadores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/04/2020 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

A coalición Galicia en Común-Anova Mareas insistiu na súa petición á Xunta de que debe intervir as residencias maiores pois considera que, de non facelo, "estará a pór en perigo as vidas" de usuarios e traballadores.

Nun comunicado emitido este mércores, o portavoz da coalición, Antón Gómez-Reino, apuntou que "o 40% dos falecidos" por coronavirus en Galicia eran usuarios destas residencias, onde existen "enormes carencias" de persoal, medios sanitarios e equipos de protección.

Neste sentido, din "ter constancia" de que familiares de falecidos nas residencias presentaron denuncias ante Fiscalía para que se investiguen as mortes nestes centros e a posible responsibilidad da Administración autonómica, á que acusan de "inacción" ante esta problemática.

"Sabiamos que se atopaban nunha situación de extrema fraxilidade despois de once anos de recortes e privatizacións", asegurou o portavoz de Compostela Aberta e membro da dirección de Anova, Martiño Noriega, que acusa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de permitir e fomentar " durante anos que se fixese negocio coa saúde e o benestar dos maiores".

Para a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, a xestión da crise nos centros de maiores por parte do Executivo autonómico foi "un auténtico desastre". Neste sentido, afirmou que a En Común "advertiu desde o inicio que non había equipos suficientes" nas residencias, unha chamada que, di Solla, foi ignorada pola Xunta ata que comezaron producirse casos de COVID-19.

Eva Solla, Antón Gómez Reino e Martiño Noriega da coalición Galicia En Común Anova Mareas. GALICIA EN COMÚN ANOVA MAREAS
Eva Solla, Antón Gómez Reino e Martiño Noriega da coalición Galicia En Común Anova Mareas. GALICIA EN COMÚN ANOVA MAREAS | Fonte: Europa Press

MEDIDAS ECONÓMICAS

Por outra banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou á Xunta a acordar co Parlamento de Galicia un "plan de acción inmediato" que palie os efectos negativos da crise do coronavirus en empresas, traballadores e autónomos.

Nun comunicado remitido aos medios, o xefe de filas dos socialistas urxiu a posta en marcha de medidas económicas que apoien aos sectores produtivos do país, así como a autónomos e pequenas e medianas empresas (pemes) para resistir estes meses de dificultades.

E é que, para Gonzalo Caballero, o Goberno galego, que está "ausente e desnortado", ten que tomar medidas para o tecido produtivo, entre as que se inclúa un plan de axudas directas inmediatas a autónomos e pemes, na liña que xa están a facer outras autonomías, e que "serven para complementar as medidas do goberno de España".

Así mesmo, requiriu que Feijóo tome medidas económicas ante os "problemas inmediatos" e que "non trate de diluír a atención cando hai asuntos prioritarios como os contagios masivos en residencias de maiores".

"AGORA O PRIORITARIO"

"Agora hai que atender o prioritario e urxente no ámbito sanitario, no das residencias e no económico, e despois haberá que abordar o futuro", recalcou o secretario xeral do PSdeG, convencido de que "a quen lle corresponda" estar á fronte da Xunta cando termine a pandemia terá que combater as consecuencias económicas e tamén repensar o modelo económico, sanitario e social que existe actualmente en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta