A perda de gusto e olfacto pola Covid-19 afecta máis a mulleres, di un estudo europeo no que participa o CHUS

Trátase, segundo os autores, do primeiro estudo en Europa en identificar disfuncións olfactivas e gustativas como síntomas significativos da enfermidade causada polo coronavirus SARS-CoV-2.

Por Alberto Quian | Madrid | 16/04/2020 | Actualizada ás 11:19

Comparte esta noticia

Investigadores de Universidade de California en San Diego (Estados Unidos) publicaron recentemente un estudo no que confirman a perda do olfacto e do gusto en pacientes coa Covid-19, a enfermidade respiratoria causada polo novo coronavirus SARS-CoV-2. Agora, un equipo de 33 científicos europeos vén confirmar que "os trastornos olfactivos e gustativos son síntomas prevalentes en pacientes europeos con Covid-19, que poden non ter síntomas nasais".

Muller con máscara nun autobús para protexerse do coronavirus
Muller con máscara nun autobús para protexerse do coronavirus | Fonte: © Miguel Núñez.

Os resultados publícanse na revista científica European Archives of Oto-Rhino-Laryngology, nun estudo no que participou Christian Calvo Henríquez, do Departamento de Otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS). Trátase, segundo os seus autores, do "primeiro estudo en Europa en identificar disfuncións olfactivas e gustativas como síntomas significativos na presentación clínica da Covid-19".

Para o estudo recolléronse datos de 417 pacientes positivos en Covid-19 con infección de leve a moderada, de 12 hospitais europeos. Estudáronse os seguintes resultados epidemiolóxicos e clínicos: idade, sexo, etnia, comorbilidades e síntomas xerais e otorrinolaringolóxicos. 

Os síntomas xerais máis frecuentes consistiron en tose, mialxia (dor muscular) e perda de apetito. Mentres que a dor facial e a obstrución nasal foron os síntomas otorrinolaringolóxicos máis relacionados coa enfermidade.

As mulleres foron significativamente máis afectadas por disfuncións olfactivas e gustativas que os homes. Esta maior incidencia nas mulleres "estaría relacionada coas diferenzas de xénero no proceso de reacción inflamatoria", explican os científicos.

O 85,6 % dos pacientes informaron disfuncións olfactivas e o 88,8 % gustativas. Ademais, detectouse que a perda de olfacto apareceu antes que os outros síntomas no 11,8 % dos casos.

Entre o 18,2 % dos pacientes sen obstrución nasal ou rinorrea, o 79,7 % eran hipósmicos (redución parcial da capacidade de percibir olores) ou anósmicos (perda total do olfacto). A taxa de recuperación olfactiva a curto prazo foi do 44 %. De feito, o 72,6 % dos pacientes recuperou o olfacto dentro dos primeros oito días desde a detección da enfermidade. 

Sobre os trastornos gustativos, estes caracterizáronse pola deterioración na identificación dos sabores salgado, doce, amargo e agre.

Os autores do estudo consideran que "ademais da alta prevalencia" destes trastornos en pacientes con Covid-19, "os médicos deben ter en conta que o trastorno olfactivo pode aparecer antes que o resto de síntomas no 11,8 % dos casos", sendo importantes indicadores para a detección temperá da enfermidade.

En base aos seus resultados, piden á comunidade científica internacional que recoñeza a  anosmia (perda de olfacto) e a ageusia (perda de gusto) repentinas como síntomas importantes da infección por Covid-19.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta