A Xunta mira agora para a economía social de cara a promover a recuperación económica

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, mantivo unha videoconferencia con asocacións de economía social.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2020 | Actualizada ás 13:36

Comparte esta noticia

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, mantivo na mañá deste xoves unha reunión con representantes do Foro pola Economía Social e de entidades que o integran, para avaliar o modo no que lles está afectando a situación actual e avaliar medidas de investimento, apoio ao emprego e estímulo da demanda co obxectivo de favorecer a súa recuperación tras a crise.

Así, a reunión contou con representantes da Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA), a Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal), a Asociación de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal), e a Unión de Cooperativas de Galicia (Espazo Coop)..

Durante o encontro, por videoconferencia, o conselleiro trasladoulles o compromiso da Xunta coa economía social, un modelo "sustentable e igualitario", que "promove emprego de calidade e que será unha peza fundamental na reactivación económica de Galicia".

Conde explicoulles que a prioridade, nestes momentos, é "garantir a saúde e seguridade de todos os traballadores", para o que se elaborou unha guía con recomendacións, ademais de pór en marcha medidas que "poidan axudar a paliar as consecuencias desta situación tanto a curto prazo como a medio".

Así, as entidades de economía social, como as cooperativas ou as sociedades laborais, poden acollerse ás iniciativas impulsadas para obter liquidez de maneira inmediata, como os préstamos de ata 200.000 euros sen intereses ou o adiamento das cotas de amortización e intereses dos préstamos formalizados co Igape, lembrou a Xunta.

Paralelamente, o Goberno galego traballa "coa mirada posta na recuperación económica" e, para iso, está "a acordar novas medidas de apoio que se centrarán no investimento, o emprego e o estímulo á demanda", destacou.

Francisco Conde garantiu que Galicia "seguirá apostando pola economía social", un modelo cunha presenza cada vez "máis consolidada" na comunidade, con preto de 5.000 entidades e 100.000 persoas vinculadas a ela.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, mantén unha videconferencia con entidades de economía social.. XUNTA
O conselleiro de Economía, Francisco Conde, mantén unha videconferencia con entidades de economía social.. XUNTA | Fonte: Europa Press

TECNOLOXÍA

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, explicou este xoves que os centros tecnolóxicos son "un recurso indispensable para o futuro industrial de Galicia" e que a Xunta manterá, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), todos os programas de apoio á innovación para "impulsar novas solucións innovadoras que dean unha resposta concreta ao tecido produtivo e aos novos retos que se presentan" tras a crise da COVID-19.

Así o expresou durante un encontro por videoconferencia con representantes da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga) e do seis centros tecnolóxicos que forman parte da mesma: Aimen, Anfaco-Cecopesca, o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), Gradiant, Energylab e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG).

Na reunión acordouse demandar ao Estado que os centros tecnolóxicos poidan acceder ás liñas de financiamento do Instituto de Crédito Oficial (ICO) nas mesmas condicións que as empresas, para contar con circulante que lles permita afrontar os retos de investimento e de contratación de persoal, e poder manter así os seus programas.

Neste sentido, o conselleiro de Economía apuntou que "a innovación será un dos elementos principais" que haberá que "impulsar" no momento de reactivación da economía, unha vez superada a emerxencia sanitaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta