O prezo da vivenda en Galicia rexistra un aumento do 6,3% respecto ao ano pasado

Isto revela un estudo que inclúe datos do segundo semestre de 2019 e o primeiro trimestre de 2020.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2020 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

A Comunidade galega rexistrou un aumento do 6,3% no prezo da vivenda usada ao peche de 2019, o que supón o maior incremento de todas as rexións do Norte de España, segundo un estudo de Sociedade Tasación.

Este informe inclúe datos relativos ao segundo semestre de 2019 e o primeiro trimestre de 2020 en comparación co exercicio anterior. Así, esta entidade tamén determinou que aínda que a comunidade rexistra o maior aumento de prezos, segue sendo a que conta co importe medio máis baixo en comparación con País Vasco, Navarra, Asturias e Cantabria.

Mentres que en Asturias este valor situouse nos 1.341 euros por metro cadrado (+2,1%), en Cantabria rolda os 1.479 euros por metro cadrado (+2,3%), en País Vasco está en 2.225 euros por metro cadrado (+2,9%) e en Navarra en 1.400 euros (+3,2%); Galicia conta cun prezo medio de 1.200 euros por metro cadrado (+6,3%).

Neste sentido, os datos das provincias galegas tamén marcan a diferenza. Lugo é a única de toda a franxa Norte que rexistrou un descenso neste indicador (-1,5%) e agora sitúase nos 870 euros por metro cadrado.

6,7 ANOS DE SOLDO PARA A COMPRA DE VIVENDA

Por outra banda, este estudo tamén mostra o índice de esforzo inmobiliario por Comunidade, é dicir, cantos anos de soldo íntegro debe dedicar un cidadán medio á compra dunha vivenda, tamén de tipo medio.

En Galicia esta variable sitúase nos 6,7 anos, por baixo da media española que está en 7,4; pero das máis altas en comparación coa franxa norte de España, só por detrás do País Vasco (7 anos).

En todo caso, este estudo tamén determina que os galegos ten "suficiente" capacidade monetaria para acceder a unha vivenda na Comunidade. En base a un índice 100, a cidadanía da rexión chega ao 122 no Índice de accesibilidade calculado, que estima a relación entre o poder adquisitivo real dun cidadán medio e o teórico necesario para a adquisición dunha vivenda.

A pesar de que o seu salario é "suficiente" para este fin, é a sétima con menor capacidade de acceso de toda España, aínda que por encima da media nacional, situada no 109.

Vivendas rehabilitadas
Vivendas rehabilitadas | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta