Apostan por alimentos locais, de calidade e sostibles ante a crise do COVID19

O Concello de Allariz, como parte da Rede de Cidades pola Agroecoloxía, reclama unha aposta pola produción local e sostible para afrontar os tempos que se aveciñan.

Por X.M. Fernández | Allariz | 17/04/2020 | Actualizada ás 09:35

Comparte esta noticia

Concellos de todo o estado, entre os que se atopa Allariz, fan un chamamento ás administracións públicas para facer políticas que protexan as producións agroalimentarias locais, as canles de distribución de proximidade, e os tecidos cidadáns e comunitarios que están a permitir levar alimentos a quen máis os necesitan.

Horta ecolóxica. Foto: Prensa Allariz
Horta ecolóxica. Foto: Prensa Allariz

A campaña #AlimentaciónEsSalud lembra que coidar a alimentación e as políticas alimentarias son claves esenciais para coidar de forma integral a saúde das persoas e o medio ambiente.

A Rede de Cidades pola Agroecoloxía lanzou un comunicado este mércores 15 de abril no que se reclama o reforzo e a protección dos tecidos agroalimentarios locais e sostibles para adiantar a reconstrución que haberá que afrontar tras a crise do  COVID19. Advirten que a crise sanitaria vainos lembrar a importancia dunha alimentación saudable, sostible e de proximidade como estratexia económica e de saúde preventiva.

Os máis de 20 consistorios que conforman a Rede, apostan deste xeito por fortalecer e protexer a agricultura familiar, ecolóxica, a elaboración artesanal de alimentos, a gandería extensiva e a pesca artesanal e sostible, que xogan un papel fundamental á hora de garantir un abastecemento alimentario saudable, accesible en prezo e respectuoso co medio ambiente. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta