Manuel Rivas, Chus Pato e Luz Pozo, entre os galegos traducidos para a web internacional de poesía 'Asymptote'

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2020 | Actualizada ás 11:58

Comparte esta noticia

Recoñecidos escritores como Chus Pato, Manuel Rivas ou Luz Pozo, así como figuras máis novas como Ismael Ramos, Alba Cid ou Lara Dopazo conforman unha selección de autores galegos traducidos ao inglés para aparecer no portal internacional de poesía 'Asymptote'.

Manuel Rivas
Manuel Rivas | Fonte: cuaderno10.com

Co apoio do Consello da Cultura Galega, a poesía autóctona actual aparecerá "nun dos principais sitios web de referencia mundial" da literatura en tradución, nun momento de incremento da lectura en soportes dixitais.

Baixo a etiqueta 'Galician Poetry Feature' e coa coordinación do tradutor Jacob Rogers, o portal 'Asymptote' destaca estas voces galegas dunha forma que "ofrece unha mostra ampla de temas, contidos e estilos que mostran a riqueza" da poesía galega, segundo explica o Consello da Cultura.

Ademais desta selección, destaca tamén a tradución ao inglés dos poemas realizada por nomes xa coñecidos para a literatura galega, como Kathleen March, Erin Moure, Jonathan Dunne ou o propio Jacob Rogers.

'Asymptote' é un escaparate mundial de novas traducións que conta con cinco millóns de seguidores. Creado en 2011, catro anos despois recibiu o Premio Internacional para a Tradución Literaria de Londres durante o Salón do Libro de 2015. Desde a súa creación, esta web recompila obras de 121 países e 103 idiomas diferentes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta