A presidenta da Deputación de Pontevedra: "Non estou disposta a que se perda nin un só festival na provincia"

Carmela Silva cre que é pronto para saber se este verán se celebrarán os eventos incluídos no programa Rías Baixas Fest.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 17/04/2020 | Actualizada ás 20:16

Comparte esta noticia

"Eu non estou disposta a que se perda nin un só festival na provincia de Pontevedra", di a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que aínda cre que é pronto para saber se este verán se celebrarán os eventos incluídos no programa Rías Baixas Fest (O Marisquiño, Portamérica, Atlantic Fest, Sinsal, SonRías, Vive Nigrán, Revenidas).

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, durante a visita realizada á nova sede da institución en Vigo
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, durante a visita realizada á nova sede da institución en Vigo | Fonte: Europa Press.

A crise provocada pola Covid-19 deixou en suspenso todo tipo de espectáculos e actuacións. Carmela Silva asume que son "conscientes de que vai haber medidas de distanciamento social mentres non haxa vacina", e isto afecta de cheo aos grandes eventos musicais do verán.

Os organizadores viven estes días con incerteza á espera de ver como se desenvolven os acontecementos para tomar unha decisión. "Pero iso non significa que non se poidan realizar doutra forma", indicou a mandataria provincial.

"Imos ter que reinventarnos e as administracións tamén", animou Carmela Silva. Isto significará que "seguramente as bases aprobadas vanse ter que modificar", porque tanto os festivais de música como os de cinema, teatro, ou programas da Deputación como Musigal ou Pontegal "non van poder ser iguais".

En todo caso, se os festivais non se poden celebrar no verán do 2020 habería que pór os medios para "garantir" que se poidan desenvolver o próximo ano. Neste sentido, Carmela Silva dixo que "a Deputación de Pontevedra vai apoiar o sector da Cultura, que é fundamental". "Eu non vou abandonar o mundo da cultura, vounos a apoiar mesmo máis do que xa os apoiabamos".

A próxima semana a presidenta da Deputación de Pontevedra manterá reunións telemáticas cos organizadores dos festivais de música e de cinema. "Eles teñen moitas ideas de como reinventarse e eu quero escoitalos para que iso sexa posible" e adiantou que "este ano non se van a quedar sen recursos". "Iso si que o garanto", agrega.

"Non me imaxino que por non apoiar os festivais musicais perdamos un elemento diferenciador e potentísimo de atracción de turismo", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta