GC Aberto

Poderoso cabaleiro

Ao poñer como “exemplo” empresarial a Inditex, a Ministra de Traballo Yolanda Díaz fixo ostensible que a día de hoxe non secunda as opinións dos seus compañeiros de partido sobre o emporio de Ortega, o que fai perigar a iniciativa de Podemos sobre a tributación das grandes fortunas.

Por galdo1950 (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com/) | GC ABERTO | 22/04/2020

Comparte esta noticia

Amancio Ortega
Amancio Ortega
O emporio Inditex outorgou unha contía superior aos 63 millóns de Euros con destino a adquisición de material e equipos médicos necesarios para facer fronte á  pandemia de  Covid 19, unha dación que non hai que enmarcar na  situación de excepcionalidade do momento, pois nos tres anos anteriores a firma do téxtil reportou igualmente un acumulado de 308 millóns para a adquisición  de equipos médicos contra o cancro. 

 

Sen ningunha outra consideración, a regalía do señor Ortega cara a tan boas obras  habería de entenderse como unha mostra altruísta de solidariedade,  pero a realidade difire de tal percepción, pois o certo é que cinguíndose ao seu singular tratamento impositivo o importe das dacións desgrava sendo por iso que a través de enxeñería fiscal  verá de volta  ao redor dun terzo do doado.

 

Pero ademais quen utiliza este artificio  paga menos  impostos que  o resto,  pois as doazóns desgravan o 30% sobre o doado, de tal modo que unha terceira parte do seu importe estamos a pagala indirectamente todos os españois, o que ademais  pon  en cuestión  a atribuída xenerosidade  do home máis rico de España.

 

A Sanidade Pública debe dispoñer dun financiamento acorde, que dea cobertura folgada  ao servizo que debe prestar, sen depender para nada  da  esplendidez do adiñeirado  de quenda; pero para iso é necesario un cambio substancial na  política contributiva que pasa  polo establecemento duns impostos suficientes e dunha recadación progresiva, que manteña  equivalencia   coa media da UE, de tal modo, que as grandes fortunas lonxe de ter un trato preferente tributen polos seus ingresos reais e que o índice non sexa inferior  ao 30% real, debido a que con esa aplicación porcentual estaría  garantida sen dificultades o financiamento do sistema sanitario. 

 

Hai un aspecto  salientable ao redor das doazóns, tal é o feito que están establecidas maiormente  en países adscritos ao modelo neoliberal  con escasa ou deficiente cobertura de servizos públicos, e tal cariz é determinante dun prototipo específico de sociedade  e tamén  o motivo para que a súa implantación  conte coa   aquiescencia  dos partidos da órbita neoliberal do país e a interesada promoción das  súas plataformas  mediáticas; un patrón que de ningún xeito calla naqueloutros países  onde ademais de ter  un arraigado estado de benestar a presión fiscal de aplicación é  de carácter progresivo.

 

Atribuír por tanto talante benefactor ás tan controvertidas dádivas do señor Ortega non pasa de ser unha broma de mal gusto e non só polo transfondo económico da súa finalidade, senón  porque de orixe a súa enorme  fortuna estivo en todo  momento  salpicada  pola explotación laboral continuada que fai case medio século, tiña como vítimas  propiciatorias ás mulleres do rural galego que cosían para el na precariedade  máis absoluta, para ao final quedar relegadas ao desemprego.

 

Unha dinámica  que non variou en absoluto tras a deslocalización da produción de Inditex a países en vía de desenvolvemento como Bangladesh, Turquía, India ou Marrocos onde a lexislacións laborais favorecen a explotación de homes e mulleres, permitindo con iso á empresa reducir os seus custos e aumentar así as súas ganancias, ao que se ha de engadir para máis  precisión que no  75% das empresas que traballan para Inditex non se respecta o salario mínimo  establecido e para maior embrollo o traballo infantil nas fábricas subcontratadas pola galega  representa 25% da produción.

Todo un referente de economía  mergullada que afecta o conxunto da  súa actividade empresarial  e vén indicar que o proclamado éxito da firma coruñesa máis que obedecer ao bo  facer do seu  staff directivo atende  a turbias prácticas mercantís afastadas de todo código de conduta.

 

Pero aínda así a pesar dos prexuízos  que para as arcas  públicas  induce a vixencia  desta anomalía fiscal,   todo vén indicar  que a reforma prometida polo Goberno de Coalición  (PSOE - Unidas Podemos) para a corrección de tan atípico tratamento fiscal ás grandes fortunas  terá que esperar; polo menos iso se desprende das declaracións da portavoz do Executivo, quen na súa intervención tras o  último Consello de Ministros do mesmo xeito que a "comunista" Yolanda Díaz , non regateou palabras  en agradecer ao xigante téxtil Inditex o seu "esforzo" e "responsabilidade" na crise do coronavirus,  eludindo no transcurso da mesma falar dunha subida de impostos a Amancio Ortega, como fundador da empresa, o que conduce  a deducir a existencia  dunha revisión de formulacións. 

 

Noutras palabras , deixar a cuestión conforme está para vantaxe do poderoso cabaleiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

A ver se agora imos descobrir a pólvora ? Esto sabíamolo dende hai anos e anos, pero todo quisque mercaba en Zara (?) Os trablalladores de Inditex seica non viven mal (?) E sobre fiscalidade habería que sinalar a Irlanda e Paises Baixos e Luxembugo (etc.) Outra cousa é que Yolanda descobriu que con Inditex aforrou un porrón de ERTEs (deses que aínda non pagou un can!) xa que o vello Amancio decidiu non repartir dividendos e reinvestir as ganancias do 2019 na propia empresa para afrontar a crise do coronavirus ! Eso sí que é investir un porrón de millóns (ou tampouco iso vale nada) ? Hai outros artistas e deportistas que teñen a súa residencia en Miami ou Rusia ? Se lle tocades o nabo igual Amancio decide mudarse a Emitaros Arabes e punto final !