Así viven o estado de alarma os deputados galegos no Congreso: do piso en Madrid aos 600 quilómetros en coche

Deputados do PSOE, PP, Galicia en Común e BNG explican como están a vivir a situación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2020 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

A pandemia pola covid-19 confinou os cidadáns de todo o Estado desde o pasado 15 de marzo, cando foi decretado o estado de alarma, e aínda que se mantiveron os servizos esenciais e parte do non esenciais continúan a súa actividade presencial, boa parte da poboación permanece nas súas casas un mes despois. As precaucións sanitarias tamén confinaron e distanciaron os deputados, que viviron distintas experiencias, desde quedar na capital de España ata percorrerse os 600 quilómetros ata Madrid 'do tirón'.

Collage de fotos orixinais do arquivo do Congreso e do partidos PP, PSOE, BNG e Galicia en Común.
Collage de fotos orixinais do arquivo do Congreso e do partidos PP, PSOE, BNG e Galicia en Común.

O deputado do BNG Néstor Rego decidiu xa o 9 de marzo quedar en Madrid para "evitar" a posibilidade de "expandir" o virus en Galicia —xa saltara o primeiro caso importado en Galicia e o foco de contaxios estaba nese momento na capital española—, mentres que o socialista Diego Taibo terá na retina para sempre a súa chegada ao Congreso con máscara e luvas nunha toma de posesión do escano en plena pandemia do coronavirus na que non puido estar acompañado de familiares.

Tampouco lle pasará por alto ao deputado de Galicia en Común Antón Gómez-Reino. O parlamentario dos 'comúns' foi pai por segunda vez en plena corentena por dar positivo por covid-19 e agora, tras dar negativo, incorporouse de novo á súa actividade para presidir a Comisión de Traballo e Seguridade Social na Cámara Baixa, pero aínda non coñece en persoa a súa pequena.

Paralelamente, a popular Tristana Moraleja prepara a súa primeira viaxe a Madrid, xa que, polo menos o próximo día 30 de abril, ten que asistir á Comisión de Industria. O seu compañeiro do PP por Lugo, Jaime de Olano, xa tivo que ir en coche para cumprir as súas obrigas nun Congreso que ata agora permaneceu a 'medio gas', pero no que aos poucos a actividade retómase. Agora teñen que planificar a súa volta.

A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, mantén a súa actividade, fundamentalmente telemática, desde a sede do Ministerio, aínda que a próxima semana, previsiblemente o martes, comparecerá no Congreso. O estado de alerta coincidiulle coa mudanza plena dela e a súa familia a Madrid, polo que o seu núcleo próximo está unido. E tal e como aseguraron fontes do ministerio, trata de "conciliar" tamén o seu labor de nai e a axuda nas tarefas á súa filla coas "numerosas" reunións que mantén ao longo do día, ao que se suma o labor de "deseñar de medidas" para paliar a situación laboral derivada da crise da covid-19.

Non en balde, o teletraballo é a palabra máis repetida desde que saltou o estado de alarma, non só para a poboación en xeral, senón tamén para os deputados. "Non me quito os cascos das orellas", sinala Tristana Moraleja, quen explica que seguiron "traballando tan intensamente" como ata agora, aínda que lamentaque o Congreso non estivese a pleno rendemento: "Colleunos a todos moi de golpe, de súpeto non había plenos".

Así, a deputada pola Coruña reivindica que, das "1.315 iniciativas presentadas polo seu grupo, o 70 por cento asinounas algún parlamentario popular galego" e sinalou as múltiples reunións que se seguiron desde entón. Pero para a asistencia ao Congreso, Tristana Moraleja recoñece que terá dificultades para chegar a Madrid o próximo día 30: "Non hai trens nin avións para ese día". Así que terá que optar quedar dous días nalgún aloxamento que consiga na capital ou facer en coche os quilómetros "do tirón".

Precisamente así foi como Diego Taibo se trasladou para tomar posesión do seu escano en substitución de Pablo Arangüena, que renunciou á súa acta para acudir nas listas do PSdeG das autonómicas convocadas para o 5 de abril e que finalmente foron suspendidas pola pandemia.

"En pleno vórtice do estado de alarma, preferín non ir en transporte público, fun no meu coche e fíxeno 'do tirón'. Durmín unhas horas en Madrid, no piso dun familiar que me prestou, porque non había hoteis; e volvín", explica o que foi concelleiro en Culleredo.

Situación similar foi a que viviu Uxía Tizón, que substituíu a Mariña Ortega, e que durmiu nun apartamento, pero "tivo bastantes problemas para atopar habitación".

Desde entón, segue unha actividade telemática e non tivo que regresar ao Congreso, onde se decidiu a asistencia do mínimo de deputados posible. "Impactoume o medo nos ollos do policía que me parou na Porta de Sol nun control. Ensineille as miñas credenciais e díxome, con medo nos ollos: señoría, teña moito coidado", manifesta Diego Taibo.

Con bocadillos e o café que levou desde a súa casa, apenas puido fornecerse de nada máis que carburante nunha estación de servizo automática a 200 quilómetros do seu destino. Igual que Antón Gómez-Reino, que regresou de Madrid, no seu caso en tren, o pasado xoves despois de presidir a comisión de Traballo e Seguridade Social, na que compareceu o ministro José Luís Escrivá.

O confinamento de Gómez-Reino foi por partida dobre, porque deu positivo por coronavirus. De forma que, en canto tivo síntomas, se autodecretou corentena (aínda non saltara o estado de alarma e realizara actos públicos en Santiago de Compostela con motivo da súa candidatura á Presidencia da Xunta). O período de confinamento confirmouse tras arroxar positivo e acaba de saír de casa por primeira vez. Tras máis dun mes do estado de alarma, destaca que o Congreso agora vaise "desconxelar": "É necesario, non sei se oportuno, pero necesario seguro".

O seu periplo a Madrid transcorreu en tren, con avituallamento preparado en casa. Na capital quedou na habitación baleira dun piso que lle cedeu unha compañeira, xa que o hostal ao que habitualmente acudía está pechado. "Distanciamento entre os pasaxeiros, controis para coñecer o motivo da viaxe e medidas de protección", así describe a situación nos vagóns.

Asegura que a súa corentena entende que foi "igual de dura que a do resto de cidadáns", aínda que a el lle coincidiu co nacemento da súa segunda filla en Arxentina. "Toca repensar", con todo, reflexiona: a "forma" na que se viviu ata agora, en que todo estaba ao alcance dunha forma "inmediata", os recursos que se usan e ata o cambio climático.

AUTOCOFINAMIENTO

Quen quedou por decisión propia cando Madrid empezou a ser o principal foco de covid-19 foi o deputado do BNG. De feito, a súa formación política pediu en varias ocasións o "peche" da capital para evitar a propagación do virus e, en "coherencia", tanto el como o resto do equipo quedaron confinados xa hai máis dun mes.

Rego asistiu ás catro sesións plenarias que houbo desde entón e permanece en contacto coa súa formación vía telemática. "Mantiven o meu compromiso de seguir trasladando as propostas e iniciativas de Galicia no Congreso", manifesta, en reivindicounas as decenas de iniciativas e batería de propostas xa rexistradas no sanitario, económico e social.

Ao Congreso acode a pé, a uns 15 minutos andando da súa vivenda. O que máis lle doe é estar separado da súa familia, mentres que asegura que "medo" non é o que sente, senón que segue o seu traballo coas "debidas precaucións". "Lévoo razoablemente ben, sempre estou ocupado con traballo do Congreso, encontros virtuais, executiva... Isto permite que os días pasen doutra maneira", afirma Rego, quen recoñece que "en canto poida" regresará a Galicia. Pero mantense "prudente" e apela a que "hai que asumir, racionalmente, que na vida, as cousas ás veces son complicadas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 O Freire

Pobriños deputados e deputadas, tamén comparto sensibilidade coa señora ministra... canto sofren! Que duro o seu teletraballo, as sesións telemáticas, os seus pobres apartamentos, os seus limitados confinamentos, o seu transporte compartido... Co tanto que traballan e co pouco que cobran! Que mágoa deles! Se polo menos tivesen un Salario Mínimo, un ERTE, un aprazamento de recibos... Que grande sacrificio e que pouco recoñecemento público!

1 Gamela

E pensan seguir votando alegremente a PRÓRROGAS SÁNCHEZ ? https://twitter.com/00Gamela/status... Liberdade 25 de Abril tampouco ?