Unha gandeira e escritora de Viana do Bolo pide máis apoio ao rural, "primeiro elo da cadea alimentaria"

Centos de persoas seguen a Nieves Fernández Vidueira polos seus textos e fotografías, nos que comparte reflexións sobre o pastoreo e a pandemia de coronavirus.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 19/04/2020 | Actualizada ás 12:46

Comparte esta noticia

"Vexo o futuro regular e van ter que apoiar máis o rural". Así se expresa a gandeira e escritora Nieves Fernández Vidueira, cunha mensaxe ás Administracións públicas desde os montes de Quintela do Pando, en Viana do Bolo (Ourense), mentres pastorea coas 400 ovellas da súa explotación ecolóxica. "O labrador e o gandeiro son o alicerce, o primeiro elo da cadea alimentaria e hai que coidalo para que non rompa, se non, mal levámolo", argumenta sobre a crise do sector, agravada polos efectos da pandemia de COVID-19.

Nieves Fernández Vidueira, escritora e pastora en Viana do Bolo (Ourense)
Nieves Fernández Vidueira, escritora e pastora en Viana do Bolo (Ourense) | Fonte: Europa Press

Titular da gandaría O Pico das Bouzas, especializada en "ovella galega en perigo de extinción", distinguida co Premio ao Mérito Agrario 2010 e directiva da Asociación de Criadores de Raza Ovella Galega (Asovega), Nieves Fernández non descarta que haxa que impulsar "algunha campaña para promocionar" a compra de cordeiro que, na súa zona, "está relacionado coas festas e as celebracións familiares".

En ausencia de encontros festivos como consecuencia das medidas de confinamento motivadas polo estado de alarma sanitaria, advirte que "se vai resentir o consumo" deste produto e, ademais, cando se restableza a normalidade, a capacidade adquisitiva da poboación será menor. "Xa ninguén lles pregunta aos compañeiros polos cordeiros, nin as carnizarías —que son convencionais, porque non as hai que vendan en ecolóxico— cómprannos", explica Nieves Fernández, a pesar de que os gandeiros "seguen gastando para mantelos".

No seu caso, os cordeiros da súa granxa que nazan en maio sairían á venda en agosto, polo que descoñece se "cambiará a situación" para entón. Tampouco nota repercusión nos gastos de explotación porque O Pico das Bouzas é "autosuficiente e todo o que consomen as ovellas cultívase na gandaría", desde a sementeira do centeo co que se alimentan as reses, ata a herba, a palla e o pasto dos terreos que abarcan as súas parcelas.

"Non utilizamos penso para nada", detallou a propietaria. "Na PAC traballamos unhas 60 hectáreas" —precisou sobre a súa certificación na Política Agrícola Común— "pero as ovellas pacen por toda a aldea, que ten moitísimas hectáreas máis".

DESPOBOAMENTO

"Vivo nunha aldea de 18 veciños e ao baixar co gando non se ve ninguén", lamenta Nieves Fernández sobre o impacto social do confinamento. "Se antes xa se vivía en soidade, agora máis", alerta sobre a situación do despoboamento rural. "Cando volvín de Madrid en 1982, Quintela do Pando estaba chea de xente maior, dos que só quedan dous ou tres; dos mozos non queda ninguén, todos emigraron", engade sobre un fenómeno que cualifica de "terrible".

Por iso, animou a que "é o momento de cambiar" esa tendencia. "Se agora volve xente ás aldeas, que eu creo que si, sería unha salvación para todos", xa que "é de onde vai saír o alimento". Así, para Nieves Fernández, "sen agricultores nin gandeiros que fagan paisaxe" a través do cultivo das terras con diferentes técnicas de traballo, xunto coa cría de gando que actúe directamente sobre o terreo, "todo encheríase de silveiras e xestas, o turismo iría en quebra e moitos outros sectores", insistiu esta pastora, cuestionando "a ver a quen venderían os comercios" do seu municipio e as demais localidades.

UNHA LECCIÓN

"Imos saír moi cambiados e imos aprender a valorar o verdadeiramente necesario", afirmou Nieves Fernández sobre a experiencia derivada da epidemia de coronavirus. "Se cadra isto que estamos a pasar é unha lección que nos está dando a natureza porque estabamos a acabar con ela", en alusión á as agresións ambientais. A gandeira ourensá comparou esta situación "co parón que sofren as árbores no inverno".

"Cando volvamos renacer, como agora as árbores empezan a xermolar, iso mesmo faremos nós e sairemos coa fortaleza coa que saen os brotes", confiou esta agrogandeira. "Para min a natureza é sacra", recalcou, animando a concienciarse de que "hai que coidala e debémoslle respecto porque é do que vivimos", en tanto "os alimentos non saen do supermercado".

Precisamente, o medio natural é o tema principal na afección de Nieves Fernández Vidueira pola escritura, que practica diariamente a través do seu perfil en Facebook desde que, a finais de 2013, os seus dous fillos regaláronlle un teléfono intelixente. Moitos dos poemas e contos que publica nesa rede social recompiláronse en marzo de 2019 no libro "Retrincos do meu ser", que aínda se pode adquirir en establecementos de Viana do Bolo.

EN FACEBOOK

Desde a declaración do estado de alarma, que ademais coincidiu co aniversario da autora, as súas reflexións tratan sobre a pandemia, que definiu como "moito peor que unha guerra" pola elevada mortalidade que está a causar: "Leva a xente que deu a vida por nós, transmitíunolo todo, está a matar as nosas raíces", indicou Neves Fernández, afectada porque "nun día morre tanta xente como habita no concello enteiro de Viana".

O coidado das ovellas permítelle saír cada día aos montes e "seguir a vida case normal", por iso ponse "na pel da xente que queda nas súas casas nas cidades". Esta gandeira aspira a que as súas fotos e os seus textos sirvan para que os demais "poidan gozar, sacar un sorriso e un momento de alegría, e sentirse un pouco libres porque están nunha gaiola".

Entre os seus centos de seguidores hai moitos emigrantes galegos "por España adiante e fóra de España", algúns dos cales "non van poder vir de vacacións porque lles pecharon as fronteiras". Desta maneira, "senten a súa terra a través das fotos" nas que Nieves Fernández comparte escenas da súa contorna, a súa actividade cotiá "e como renace a vida a cada pouco".

"É sacrificada porque hai días malos cando neva ou chove e chórase de frío", explicou sobre as desvantaxes da súa profesión "pero, a pesar de todo, a vida dunha pastora é pura poesía porque hai beleza por todos lados, só hai que valorala e aprender a ler o que a natureza está a falar continuamente", reiterou.

Noutra das súas facetas, tamén atende un museo etnográfico do que foi promotora, con máis de 700 tallas de madeira elaboradas artesanalmente por ela mesma. Pechado na actualidade ás visitas, asegurou que O Museo da Neves "vai seguir aí toda a vida e, máis adiante, cando se poida, a xente volverá gozar del".

Mentres tanto, a pastora do Pico das Bouzas segue percorrendo os montes de Quintela en compañía dos seu sete cans para, a través do seu labor, "darlle vida á aldea, a Galicia e ao mundo", sentenciou cun "que caramba!".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta