Feijóo e Pedro Sánchez arranxan o "malentendido" sobre o estudo epidemiolóxico galego sobre o coronavirus

O presidente da Xunta achaca a "unha mala interpretación" as palabras do xefe do Goberno español sobre o estudo epidemiolóxico galego e asegura que "en ningún caso" Sánchez lle transmitiu reticencias.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/04/2020 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, achacou a "unha mala interpretación" as palabras do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, este sábado sobre o estudo epidemiolóxico que prepara o Servizo Galego de Saúde (Sergas). "Con todo o respecto, paréceme que o estudo epidemiolóxico teno que desenvolver o Goberno de España", comentou Sánchez, remitíndose ás súas conversas cos diferentes executivos autonómicos, aos que, segundo matizou, xa explicou que "nas próximas semanas" farase un estudo con 62.000 probas no conxunto do país.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na reunión telemática co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o resto de presidentes autonómicos
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na reunión telemática co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o resto de presidentes autonómicos | Fonte: Xunta.

Con todo, este domingo, durante a videoconferencia de presidentes autonómicos, "en ningún caso" Sánchez transmitiu a Feijóo as súas reticencias sobre a análise que prepara Sanidade, segundo trasladou este último en rolda de prensa.

Iso si, o presidente da Xunta dixo que "non acabou de entender por que se molestou" o Goberno por isto cando outras autonomías van realizar estudos aínda "maiores" por cuestión de poboación. "Non o entendín, por iso saquei este asunto, pero non tiven resposta", engadiu Feijóo, quen sinalou a importancia de facelo en cada autonomía para non "improvisar o desescalado" do confinamento.

En calquera caso, o mandatario galega confirmou que xa esta mesma semana, o "xoves ou venres", comezarán as chamadas para participar nas probas do coronavirus en Galicia, que se realizará en dúas quendas de 50.000 cidadáns cada unha, ata chegar ás 100.000 persoas en total. Os cidadáns seleccionados deberán achegarse aos centros de saúde.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta