Científicos, youtubeiros, políticas, labregas... Dez persoas cóntannos as aprendizaxes desta pandemia

Ángel Carracedo dende a ciencia, Aquel-e como youtubeiro, Navia Rivas dende a política, Isabel Vilalba como labrega, Ricardo como traballador dun supermercado... Preguntamos a dez persoas de ámbitos moi diversos que podemos aprender desta crise global. Eis as súas respostas.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

En ben poucos días a chegada dun virus revolucionou de principio a fin as nosas vidas. A palabra 'coronavirus' invadiu de súpeto todas as conversas e o mundo comezou a xirar xa só en torno a ese único concepto. Porque nada se salva de verse alterado.

Protección contra o coronavirus na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel
Protección contra o coronavirus na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel | Fonte: © Miguel Núñez.

Tal cambio extremo, quizais, tamén poida ser unha boa oportunidade para nos repensar, para nos revisar, e para aprender de cara ao novo mundo que nos espera. Por iso, aquí van dez aprendizaxes da man de dez persoas de ámbitos profesionais moi diversos. Que esta crise non sexa en balde.

Isabel Vilalba, labrega e secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego dende o 2012:

Esta crise puxo sobre a mesa que os alimentos son un ben esencial e é moi importante que estean producidos aquí e non a miles de quilómetros. Penso que non podemos permitir que o mercado e os intereses do capital condicionen os bens esenciais que necesitamos para vivir (a alimentación, os coidados, a sanidade pública). Hai voces que din que esta pandemia ten que ver co desequilibrio dos ecosistemas e a deforestación de amplas zonas do planeta... Unha cuestion esencial é o equilibrio coa propia natureza, para hoxe e para o futuro.

Navia Rivas, política e concelleira do BNG en Santiago de Compostela:

A miña aprendizaxe desta corentena desde o punto de vista político é que, unha vez máis, a unión fai a forza en moitos ámbitos. Máis concretamente, que nunca se debe baixar a garda na defensa dos dereitos das traballadoras/es, xa que no momento en que hai unha crise de calquera tipo que afecta ó capital, elas e eles son as primeiras persoas en sufrir a falta de dereitos, apoio e mesmo seguranza.

Lara Roque, do servizo de limpeza da UCI no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo:

Neste mes e medio aprendín a importancia do traballo en equipo, a todos os niveis. Xuntos somos máis fortes, todos a unha é máis fácil. Vin un médico limpándome as gafas porque eu nese momento non podía, vin celadores axudando a vestir a enfermeiras, vin que non hai diferenzas. Se faltase unha desas peza non poderiamos facer o que estamos facendo.

Miguel Silva, O Aquel-e, filólogo e youtubeiro:

Sempre me reivindiquei como consumidor de contidos dixitais e cultura nas redes sociais, mais neste confinamento penso no moito que necesito un concerto en directo, unha obra de teatro ou un recital. Ao mesmo tempo, vexo xente que sempre despreciou os "novos" formatos reconciliándose con eles. Vamos, que deste confinamento saco a satisfacción de ver señoros en directos de instagram e a lección de que a cultura debe existir, gozarse e apreciarse en tódolos formatos contemporáneos. Por iso é necesario que se aposte por este sector aínda nos momentos máis difíciles.

María Riós, urbanista e membro de SeteOitavas cooperativa, oficina de transformación urbana e territorial:

Cómpre pensar na urxencia de reformularse os espazos cotiás para a vida (fogar e rede de espazos públicos e colectivos) dende as necesidades profundas das persoas, e definir así as cualidades que deben ter.

Ricardo, traballador dun supermercado Carrefour:

Creo que con esta crise todos aprendemos a valorar cousas que antes nos parecían banais. Unha delas é o traballo, quizais en ocasións menosprezado, dos traballadores dos supermercados. A sociedade en xeral deuse conta de que somos un sector que ten moito que achegar ao día a día da poboación e que estamos en primeira liña, igual ca transportistas, gandeiros, agricultores e un longo etc. Só queda que este sentimento de agradecemento da xente se contaxie aos donos das grandes empresas do sector, aínda que se non o fixeron ata agora non creo que o fagan. Lonxe diso, escudaranse detrás da futura crise económica para minar as nosas condiciones laborais. 

Marisa Velicia, enfermeira de urxencias do CHUVI:

Quizá sexa unha das etapas máis duras que viva na miña traxectoria profesional. Creo que debemos aprender o terriblemente vulnerables que somos. Quixen ser enfermeira para axudar e coidar a xente, esa xente que estes meses me apoiou e me demostrou que a solidariedade, a conciencia colectiva e unha sanidade pública son os alicerces básicos; que o pobo salva o pobo. Os profesionais do sistema público de saúde e a poboación en xeral, coa súa colaboración, seremos os que estaremos á altura, os que conseguiremos que isto pase, sen esperar porque ninguén decida nada nun despacho. As persoas salvan as persoas, debería quedarnos claro para sempre.

Elena Borrajo, psicoterapeuta no Centro Alén:

No esforzo que as administracións están a facer para encarar esta situación sobrevinda, fíltrase, case sen darnos conta, un erro propio deste século. Trátase de concibir o coidado e o sostemento do grupo familiar como unha tarefa que se pode executar no tempo libre que nos deixan as cousas verdadeiramente importantes. O día que recoñezamos que sacar un ser humano do século XXI adiante é unha tarefa dignísima que merece un recoñecemento económico, temporal e de enorme valor social, teremos unha poboación máis sa mentalmente, individuos novos equilibrados e positivos, e familias menos tensas e sobreexplotadas que xa non se preguntarán por que non son capaces de resolver esta encrucillada. Dígolles, non poderán resolvela, porque é irresoluble.

Ángel Carracedo, catedrático en Medicina Legal, científico e investigador:

Desde o punto de vista da ciencia, reparo na importancia da colaboración. Hai que pensar en global. A investigación ten que cambiar de ser tan competitiva como é a ser mais colaborativa, como agora coa COVID se está conseguindo. A ver se dura para sempre e a ver se os gobernos se dan conta da importancia de investir en I+D e en Medicina. Oxalá o mundo mude de verdade e non teña que vir unha crise aínda mais grande para facernos ir polo bo camiño.

Manuel Mandianes, antropólogo e teólogo:

Este confinamento espertou o sentido de solidariedade, e por iso penso que desta situación vai saír un profundo sentido de comunidade - reforzaranse grupos de amizades e xurdirán outros novos -. Desta maneira, será un duro golpe contra a indiferenza que nos causaban os demais seres humanos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 madrasa galega

Votar en expañol e darlle un futuro negro a Galiza... E O QUE DEBEMOS APRENDER OS GALEGOS!!!

1 Madriña

E tamén aprender a escribir en galego.