Sanitarios piden "test masivos" a traballadores e pacientes que acudan a hospitais ante a "desescalada"

Destacan que sería unha boa medida para evitar un repunte de contaxios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2020 | Actualizada ás 11:48

Comparte esta noticia

O sindicato Traballadores da Sanidade Pública remitiu este luns unha proposta de medidas á xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés para a "inminente desescalada" do estado de alarma que, entre outras cuestións, propón a realización de "test masivos" de COVID-19 a todos os traballadores e aos pacientes que acudan aos hospitais para detectar posibles casos asintomáticos.

Os sanitarios realizan estas propostas tendo en conta a "diminución significativa" na área de pacientes ingresados por este virus, así como a "maior capacidade para facer probas diagnósticas", e tendo en conta que unha "volta progresiva á actividade normal" dos hospitais podería supor un risco polos "pacientes asintomáticos ou pouco sintomáticos".

Para evitar un repunte dos contaxios, o sindicato reclama se que se realicen test masivos a todos os traballadores de todas as categorías e de todos os centros da área sanitaria, así como test de detección de anticorpos. Esta medida, explican, debería iniciarse cos traballadores máis expostos, como os de urxencias ou os de UCI, para estenderse despois ao resto e tamén aos de administración, limpeza ou cociña.

Do mesmo xeito, reclaman que se lles faga unha proba PCR a todos os pacientes que ingresen no hospital, "independentemente da patoloxía que presenten", ante de derivalos a planta, co obxectivo de evitar que entren en contacto pacientes asintomáticos con COVID-19 con outras patoloxías.

"Hai que lembrar que o test PCR xa se está esixindo para o ingreso previo dun paciente a calquera Residencia ou centro sociosanitario, polo que debemos esixir as mesmas normas para o ingreso nun centro sanitario", apuntan.

En vista dun "previsible inicio da actividade cirúrxica programada", o sindicato ve necesario tamén que a todos estes pacientes se lles realiza, entre 24 e 48 horas antes da cirurxía, un test PCR, para "poder realizar a intervención cirúrxica cunha maior seguridade". Fan extensible esta petición aos pacientes que vaian ser sometidos a unha proba diagnóstica con alto risco, como unha broncoscopia ou unha endoscopia.

Feijóo, nunha visita as instalacións onde se fan probas diagnósticas do COVID-19 en Vigo. Xunta de Galicia
Feijóo, nunha visita as instalacións onde se fan probas diagnósticas do COVID-19 en Vigo. Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta