O alcalde de Santiago aposta por prorrogar a 2022 o Ano Santo, pero di que "depende do papa"

Bugallo, "convencido" de que a emerxencia sanitaria non terminará o 9 de maio, volve dubidar sobre a celebración da Ascensión: "Xa veremos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2020 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, dixo este luns que lle "gustaría" e pareceríalle "moi positivo" que se estendese ata o 2022 a celebración do Ano Santo 2021. Con todo, matizou que a decisión "non depende" del, senón "do papa e de Roma". "Dependerá do Vaticano esa decisión, nin sequera é algo que corresponda á Igrexa compostelá ou á española", respondeu Bugallo a preguntas dos medios formuladas en rolda de prensa.

Deste xeito, o alcalde compostelán sitúase a favor de prorrogar ata o ano seguinte esta efeméride por motivo da emerxencia sanitaria do coronavirus. No entanto, tras asegurar que a decisión da extensión é do sumo pontífice, Bugallo dixo que "sería moi feliz" se Francisco puidese visitar Santiago en 2021.

FESTAS DA ASCENSIÓN

Ademais, preguntado sobre a celebración das Festas da Ascensión deste ano, que caerían a finais de maio, o alcalde compostelá volveu a mostrar as súas dúbidas con que poidan ter lugar: "Xa veremos". "Estou convencido de que o estado de alarma pode acabar o día 9 (de maio), pero estou convencido de que a emerxencia sanitaria non vai acabar o día 9", respondeu, xa que o levantamento das restricións "será un proceso paulatino".

Neste sentido, Bugallo dixo que se conforma con que Santiago poida celebrar a 'Festa da Primavera' anunciada nos últimos días no marco do plan do Concello para a reactivación económica da cidade. Aínda que este luns avogou por que se celebre "antes do 21 de xuño", o pasado venres xa advertiu que podía atrasarse a "principios de verán ou finais".

Xosé Sánchez Bugallo. AYUNTAMEINTO DE SANTIAGO - Arquivo
Xosé Sánchez Bugallo. AYUNTAMEINTO DE SANTIAGO - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta