As obras da intermodal de Santiago avanzan "con seguridade" e estarán antes do Xacobeo, segundo a Xunta

O alcalde cre que "os prazos teñen que ser revisados" porque a pandemia do coronavirus provoca "problemas de subministración" de materiais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2020 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, garantiu que as obras da intermodal de Santiago de Compostela renováronse e avanzan "con seguridade" a pesar da redución do ritmo de traballo e de "algún problema" de subministracións derivado da crise do coronavirus. Aínda así, vaticina que "estarán acabadas" para a celebración do Xacobeo 2021.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, nunha videoconferencia co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, nunha videoconferencia co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo | Fonte: Xunta.

Así o asegurou a conselleira tras unha videoconferencia mantida este luns co alcalde da capital galega, Xosé Sánchez Bugallo, co equipo responsable das obras e co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez.

Nesta reunión para abordar o reinicio das actuacións despois da interrupción de toda actividade non esencial, Ethel Vázquez subliñou que "a prioridade absoluta" da Xunta "segue sendo a protección da saúde", polo que se vela por que as obras "se executen con todas as medidas de seguridade" para evitar contagios.

A conselleira tamén valorou que a execución da estación de autobuses, que irá anexa á actual de ferrocarril, atópase xa "por enriba do 60 por cento". Así, mantén a previsión de que no verán estea finalizada.

En canto á pasarela que conectará ambas as terminais e que tamén servirá para unir os barrios do Ensanche e de Pontepedriña, Vázquez cifrou a súa execución no 15 por cento e engadiu que esta semana está previsto o inicio dos "traballos máis importantes": a montaxe da estrutura metálica e a colocación dos alicerces.

"PROBLEMA DE SUBMINISTRACIÓNS"

Con todo, o alcalde de Santiago dixo que "os prazos teñen que ser revisados", aínda que espera que "o menos posible", porque as obras "están normalizadas na súa execución" pero hai algún "problema de subministracións" debido á crise do coronavirus.

Tal e como concretou, hai materiais de obra que "nalgúns casos están nun barco na India e noutros nunha fábrica en Bérgamo (Italia) que está pechada". "Se isto se prolonga moito, loxicamente haberá que tomar algún outro tipo de medidas e buscar subministradores máis próximos", engadiu.

No entanto, explicou que a execución do viario de Clara Campoamor, a parte que corresponde ao Concello, é a "menos afectada os atrasos" porque "a maioría de provedores son locais ou nacionais".

UNHA INFRAESTRUTURA "ESTRATÉXICA"

Tanto a Administración autonómica como local coincidiron na reunión en que a intermodal é unha infraestrutura "estratéxica para dinamizar o turismo, reforzar o atractivo da cidade e potenciar a actividade económica e social", sobre todo despois do "impacto" da crise do coronavirus e en vista da celebración do Xacobeo 2021.

Tras a deste luns, a Xunta, o Concello e o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) do Estado manterán unha próxima reunión técnica para abordar a fórmula para o "desembarco" da pasarela na rúa do Hórreo e a súa articulación coas liñas de transporte metropolitano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta