Sindicatos esixen ao Sergas "máxima celeridade" nas probas aos profesionais que usaron as máscaras defectuosas

Reclaman o "seguimento real e activo" da evolución clínica dos usuarios para "acabar coa preocupación dos afectados"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2020 | Actualizada ás 16:02

Comparte esta noticia

Sindicatos esixen ao Sergas "máxima celeridade" das "probas necesarias" para "descartar a posibilidade de contaxio e transmisión da infección por COVID-19" dos profesionais que utilizaron as máscaras retiradas polo Goberno co obxectivo de "acabar coa preocupación dos afectados". Así o manifestaron sindicatos como Satse Galicia, CESM e O'Mega en senllos comunicados en relación á retirada das máscaras FFP2 do fabricante Garry Galaxy.

Máscara Garry Galaxy N95
Máscara Garry Galaxy N95 | Fonte: Ministerio de Traballo.

Por unha banda, o Sindicato de Enfermaría solicitou ao Sergas e ás diferentes xerencias sanitarias que se realicen "coa máxima celeridade os tests diagnósticos a todos os profesionais".

Este sindicato lembrou que "o Sergas iniciou o propio venres 17 a realización do test aos profesionais que estiveron en contacto co virus e que nalgunhas áreas sanitarias xa se completaron", pero avisou de que "outros profesionais advirten que aínda non teñen coñecemento de cando se van levar a cabo estes tests".

Por iso, Satse reclama que "para acabar coa lóxica preocupación dos profesionais, e por responsabilidade", se lles realice "inmediatamente" os tests diagnósticos para comprobar que non se infectaron por coronavirus "a todos os profesionais sanitarios que utilizasen este tipo de máscaras e que estiveron expostos en situacións de risco no manexo de pacientes COVID-19".

Nesta liña, o sindicato médico CESM Galicia esixe que "se someta a todos os profesionais vítimas desta situación neglixente" ás probas "PCR necesarias para descartar a posibilidade de contaxio e transmisión da infección por COVID-19".

Deste xeito, este sindicato médico reclama "o seguimento real e activo da evolución clínica destes profesionais" que utilizaron as "máscaras fake", ata que "se demostre efectivamente o seu estado de saúde e a imposibilidade de ser vectores da enfermidade, xa que pola contra estase propiciando a expansión da enfermidade".

CESM Galicia, ademais, pide que "todos os traballadores do Sergas sexan sometidos ás probas pertinentes" co fin de "poder valorar a magnitude do problema" e, abundou este sindicato, "sacar conclusións epidemiolóxicas e de prevención de cara ao futuro".

Nesta liña, CESM esixe, ademais, que se "aplique a máxima dilixencia e rigor" nos criterios de selección e compra de materiais e elementos de protección, para que "só se adquiran produtos homologados e testados a provedores debidamente acreditados e certificados".

RESPONSABILIDADES

Polo seu lado, O'Mega demanda a "identificación dos centros e servizos onde se utilizaron, así como as cantidades e datas de subministración" e pide "elaborar a relación de profesionais que estivesen sometidos a unha exposición de alto risco por mor de contactos estreitos cos casos posibles, probables ou confirmados de COVID-19".

Por iso, demanda, "proceder conforme o establecido na Guía de actuación fronte a COVID-19" nos profesionais sanitarios do Ministerio de Sanidade, o que supón, subliña, entre outras accións, "retirar ao profesional da actividade asistencial ata que se poida descartar de forma fidedigna que non está afectado e pode supor unha fonte de contaxio".

E demanda O'Mega que se proceda á realización da proba RT-PCR en mostras naseofarínxeas, esputo e feces, "xa que o resultado negativo do test rápido de dobre banda non garante que os profesionais non poidan estar infectados, ao non ter tempo, en moitos casos, para desenvolver anticorpos, en función da data na que resultasen infectados".

A iso engade o seguimento dos outros profesionais "que tivesen contacto estreito cos seus compañeiros" e dotar ao Instituto Galego de Seguridade e Hixiene (ISSGA) "das competencias e medios para poder realizar os controis precisos sobre o material de protección adquirido con fins de protección fronte ao SARS-Cov-2" en Galicia.

Este sindicato esixe, así mesmo, que "se diriman as responsabilidades polo atraso producido entre a recepción do aviso da existencia do lote defectuoso por parte do Ministerio de Sanidade e a comunicación efectuada aos centros sanitarios para a retirada deste material".

Estes sindicatos realizan estas demandas tras coñecer que na noite do pasado 15 de abril a Dirección Xeral de Carteira Común de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia do Ministerio de Sanidade notificou ás comunidades que as máscaras FFP2 do fabricante Garry Galaxy, con envase verde, "debían ser retiradas inmediatamente dado que non protexen adecuadamente con arranxo ás especificacións indicadas pola norma".

Respecto diso, Satse lembrou que o Sergas, pola súa banda, "advirte que o 16 de abril deu a alerta sanitaria e paralizou a súa distribución" e trasladou a todas as xerencias a instrución para que se procedese tamén á retirada das que se distribuíron, "notificación que chegou aos profesionais sanitarios o 17 de abril", matiza o sindicato.

"En Galicia inmobilizáronse 36.883 máscaras na plataforma de distribución de Negreira e outras 45.408 que foron retiradas polas xerencias das áreas sanitarias", destacou Satse, que asegurou que "permanecerá alerta para velar pola seguridade e protección" dos profesionais sanitarios que utilizasen estas máscaras retiradas e "realíceselles o test diagnóstico". En, caso contrario, este sindicato advirte de que "se reserva o seu dereito a emprender calquera tipo de acción".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta