Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/04/2020 | Actualizada ás 16:37
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, participou este luns nunha videoconferencia co presidente provincial do partido na Coruña, Diego Calvo, e con alcaldes e portavoces das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal para analizar o impacto do acordo asinado o pasado venres polas ministras de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, sobre o peche das centrais térmicas.
Tellado advertiu de que é "inaceptable" que o Executivo que lidera Pedro Sánchez "aproveite a crise causada polo coronavirus para acelerar o peche" da central de Endesa nas Pontes. "Non nos podemos permitir o peche de máis empresas e industrias, máis destrución de emprego,nin que Galicia quede sen unha das súas maiores fontes de enerxía", alertou.
"O PSOE debería ter moitas outras prioridades antes que a de seguir coa súa estratexia de desindustrialización de Galicia", engadiu, para lembrar, a continuación, que "hai moito en xogo", xa que da central dependen "o presente e o futuro de 750 familias", así como dunha comarca que "ve apagarse o motor que a sustentou durante décadas", e dunha parte da industria galega.
Por iso, avanzou que o PPdeG manterá a súa postura de que a central ten que "reactivarse" mentres se buscan combustibles alternativos, así como que se lle apliquen beneficios fiscais para mellorar a súa competitividade.
"UNHA TRAIZÓN QUE DÍAZ NON PODERÁ EXPLICAR"
Ao tempo, advertiu de que as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal non van permitir "esta traizón, unha máis, do Goberno Sánchez", que aboca a este territorio "a unha nova reconversión industrial".
Finalmente, fixo fincapé na gravidade de que este acordo "vaia asinado pola ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que terá moi difícil explicar cando volva a Ferrol por que participou nun documento que tanto dano lle vai a causar á comarca".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.