As crianzas, tras máis dun mes confinadas: "Á miña dálle medo saír ao corredor do edificio"

Cada crianza vive o confinamento dun xeito diferente. Hai quen o leva con certa tranquilidade e quen pega un cambio de 360 graos no seu comportamento. Cinco semanas despois do comezo do estado de alarma, estas son as experiencias dalgúns pequenos.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Logo de cinco semanas sometidas a un estrito confinamento, as crianzas e adolescentes de ata 14 anos de idade poderán saír á rúa, sempre acompañadas dunha persoa adulta e por un tempo limitado, a partir do próximo 26 de abril. Moitos pais e nais reciben con certo alivio esta medida que deixa algo de aire á cativada destas idades. A estas alturas do confinamento as casas xa se comezan a facer pequenas; aínda que algunhas máis ca outras. Cando se fala de nenos fálase dun mundo moi diverso, e nada ten que ver a experiencia de corentena dunha crianza sa física e psicoloxicamente que a dunha crianza con necesidades especiais.

Un neno observa a rúa desde o interior da súa casa, en pleno confinamento polo estado de alarma decretado con motivo da pandemia de coronavirus.. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS
Un neno observa a rúa desde o interior da súa casa, en pleno confinamento polo estado de alarma decretado con motivo da pandemia de coronavirus.. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS

Os máis pequenos nunha situación de normalidade, di a psicóloga do Centro Alén Elena Borrajo, teñen habilidades suficientes para se poderen adaptar ao confinamento. Estando cubertas as súas necesidades básicas e psicolóxicas, esta situación non comporta un impacto nocivo para eles. "Poden asustarse, ou desconcertarse, pero iso non significa estar afectado traumaticamente. Ao contrario: cando superamos adversidades o noso carácter medra e aprende diso", explica a psicóloga. 

OS MEDOS DUNHA CATIVA DE CATRO ANOS

A Carmela, unha cativa de catro anos de idade que vive nun piso de Lugo co seu pai e a súa nai, ándalle rondando unha dúbida pola cabeza: "O outro día preguntoume se cando puidera volver saír á rúa non será demasiado maior para ir ao parque!", conta entre risas a nai. A súa cabeza non para de maquinar ao redor de toda esta situación tan estraña para ela. Na casa evitan poñer as noticias para que o coronavirus non se converta nun monotema, mais o pai e a nai tampouco lle ocultan a verdade. "Noto que ten medo", conta Car, a súa mamá. "Cústalle saír ao corredor do edificio ou pregúntame se pode tocar o aire cando saímos aplaudir, se a compra que facemos trae coronavirus...". 

Aínda que aproveitan este tempo para "intentar que sexa máis independente", o certo é que senten que a cativa precisa dun apego aínda maior. "Agora quere durmir con nós, quere que peche todas as portas...", relata a súa nai. "O día que saiamos non sei como vai reaccionar; ela non pide porque ten medo: se lle custa saír ao corredor tamén lle vai custar saír á rúa...". Polo de agora, o tempo de Carmela é aquilo que pasa entre xogo e xogo. Dende o colexio mándanlle unhas cantas actividades todas as semanas e os pais tamén intentan que na casa se manteña unha determinada rutina.

Para a psicóloga, conservar precisamente estes ritmos, na medida do posible, é unha das claves para facer máis levadeiro este confinamento. "Se alteramos, por exemplo, os seus ritmos do sono, iniciamos un ciclo de descompensación que logo levará un tempo e un esforzo recuperar. Cada familia ten o seu estilo -máis ríxido, máis flexible...- pero cómpre manter unhas rutinas mínimas de hixiene, alimentación e sono", indica a experta, que si pon un límite claro en canto ao uso das pantallas

SAÍR Á RÚA CON INFORME MÉDICO

"O mundo pónsenos moito máis complicado cando entramos en poboacións específicas", di a psicóloga. Crianzas con necesidades especiais e problemas psicolóxicos contan coa posibilidade de saír á rúa en momentos puntuais durante a corentena. Elena Borrajo está especializada en tratar con familias cuxos cativos son adoptados e pasaron por vivencias que se manifestan agora en problemas condutuais. "No momento no que isto comezou pensei: ímolo ter súper complexo", relata. Mais curiosamente, decatouse de que moitos nenos, ao quitarlles o "estresor do colexio", melloraron notablemente o seu estado xeral. "É un dato que creo que habería que analizar con calma", apunta.

Noutras crianzas, en cambio, este confinamento provocou "estalidos graves de conduta". O neno de Ana [nome ficticio] cumpriu os seus doce anos no medio do estado de alarma. Ao principio, conta a nai, a convivencia 24 horas ao día fíxose "horrible". "É como ter unha dinamita metida nunha ola a presión", describe. O cativo sofre un trastorno do vínculo reactivo, isto é, un desorde na relación coas súas figuras parentais a raíz da súa adopción; ademais do diagnóstico dun TDH. "El funciona ben cunha axenda moi estruturada, pero iso descolocouno; deu un envorco de 360 graos".

A relación, a estas alturas, é "esgotadora". "Acaba agredindo, insultando, rompendo cousas...", relata a nai. A Policía tivo que acudir á vivenda un total de catro veces durante a corentena. Non hai moito conseguiu un informe médico que funciona de salvoconduto para saír á rúa. "Intento que baixemos todos os días, pero ás veces nin quere; está agarrado ao sofá en todo momento, e é o peor que pode facer porque colle sobrepeso. Está de 'non quero' para todo", conta Ana. Chegaron a solicitar o seu ingreso temporal nun centro de menores para baixar a súa agresividade, mais non obtiveron resposta positiva. "Non está permitido entrar e saír e non hai prazas. Temos que aguantar como poidamos".

Noutros moitos casos prodúcese a situación inversa: cativos que levan a convivencia diaria nun centro pasaron agora a convivir coa familia, cousa que tamén supón "un reto enorme" para esa casa á que chegan, afirma a psicóloga. "Preocúpame seriamente que a estas familias non se lles estean dando respostas e que teñan que resolver situacións moi graves con moi pouca axuda". Tampouco se esquece daquelas crianzas que están confinadas cos maltratadores das súas nais. "Non deixemos eses nenos sós, hai moitas mamás e papás que non están podendo exercer ben de mamás e de papás. Se non damos a voz de alarma, é un prezo enorme que pagaremos máis adiante", advirte.

A FALACIA DO SÉCULO XXI: OS NENOS CRÍANSE NO TEMPO LIBRE

Ao cativo de Ana cústalle seguir o fío das aulas online, que transcorren de nove a unha e media da mañá todos os días. "El socialmente funciona moi ben, pero este novo xeito de dar escola resúltalle moi estraño, é como se o asustara". Tal é a incapacidade de levar o ritmo das aulas e dado a "obrigatoriedade" de seguilas que impoñen dende o colexio, Ana vese obrigada a levar o seu fillo a clases presenciais cunha profesora particular, preto da casa e con todas as medidas de seguridade. "Non me queda outra; e isto supón un desembolso grande a final de mes", conta Ana, que tamén denuncia que "se esgotan" os recursos e que "a administración non pon ningún" ao seu favor.

A maiores do "esgotamento económico", o cansazo vén dado, igualmente, pola imposibilidade de compaxinar tarefas ao longo do día. O neno de Ana require dela atención permanente, o que resulta incompatible co teletraballo que debe xestionar a diario. "É complicadísimo", sentenza. Tamén na casa de Car ambos os dous traballan a distancia e organízanse como poden para atender a nena mentres manteñen as súas obrigas profesionais.

"A volta ao cole está moi determinada polas necesidades familiares", indica Borrajo. "Temos xente teletraballando e coidando as crianzas no tempo libre. Unha falacia do século XXI. Os nenos non se crían nos tempos libres; criar é unha actividade en si mesma". Aquilo que nos venderon como a oportunidade para a conciliación resulta unha das xestións máis complexas deste confinamento. E o colexio, conta a psicóloga, "gústenos ou non dicilo, sexa politicamente correcto ou non, cumpre a función de liberar os adultos para que poidan traballar".

Nesa busca do momento de tranquilidade e concentración, os pais e nais aférranse tamén ás novas tecnoloxías como única saída para entreter as crianzas. "Sei que non queda ben dicilo", conta a nai de Carmela, "pero se non lle poñemos a tablet non nos deixa nada de tempo libres...". No caso de Ana, cuxo neno xa está nunha idade na que se desenvolve con máis autonomía nas redes sociais, a situación vese tamén agravada no marco deste confinamento. "Tivemos que retirarlle a tablet definitivamente, porque estaba facendo compras compulsivas sen darnos conta. Agora estamos intentando que nos devolvan todo o que cargou, porque mesmo mercou un Iphone...".

Neste sentido, a psicóloga Elena Borrajo alerta de maneira rotunda sobre as dificultades que trae consigo a tecnoloxía: "Xera unha adicción similar ás substancias, e un neno en idades temperás non está preparado para xestionar esas adiccións". Fronte a isto, Borrajo apela a propoñer rutinas de tarefas e tempo libre; a alternar os usos dos dispositivos móbiles e a interrumpir tempos. "Entre media hora e media hora debe haber un intervalo dunha hora na que non haxa pantallas". 

Por último, asegura que no canto de "adurmiñalos", cómpre que nais e pais fagan un "esforzo imaxinativo" de cara a que a cativada teña cumpridas as súas tres necesidades psicolóxicas básicas: "exploración, xogo, e conexión social". E lembra: "Isto non están sendo vacacións, ollo con quitarlles o tempo libre do verán!".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta