A Xunta sinala as palabras de Garzón e Díaz sobre o sector turístico como unha "irresponsabilidade"

A ministra de Traballo declarou que os establecementos de hostalería non poderían abrir ata fin de ano e o ministro de Consumo recomendou non facer reservas para o verán.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2020 | Actualizada ás 18:28

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, remitiu unha carta á ministra de Industria, Reyes Maroto, na que tacha de "irresponsabilidade" as declaracións relacionadas co sector turístico dos ministros Yolanda Díaz e Alberto Garzón, ao mesmo tempo reclama un Plan de Reactivación Turística que arroxe certezas á volta á actividade deste ámbito.

Na misiva, á que tivo acceso Europa Press, Román Rodríguez alude a que "todas as administracións con competencias no ámbito turístico" traballan nestes momentos de emerxencia sanitaria para "dar cobertura ás enormes dificultades que está a atravesar este sector" en todo o territorio nacional, un ámbito económico "vital para millóns de familias en toda España" e de "unha enorme transcendencia na riqueza e o emprego".

"Somos absolutamente conscientes de que a seguridade sanitaria é o máis importante", recoñece o conselleiro que, no entanto, traslada a Reyes Maroto a "enorme decepción e preocupación" que xeraron no sector as declaracións da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, aventurando que os establecementos non poderían renovar a súa actividade ata finais de ano, así como as do ministro de Consumo, Alberto Garzón, emprazando aos cidadáns a que non fixesen aínda reservas para o verán.

Para o conselleiro, estas declaracións "só poden ser entendidas desde a irresponsabilidade" e, ademais, "reflicten un gran descoñecemento da importancia do turismo" en España. Como consecuencia, apunta, xerouse "unha gran incerteza a moitas familias e traballadores, que incrementaron notablemente os seus temores e o seu nerviosismo".

Fronte a isto, o responsable galego de turismo incide en que os procesos de desescalada das diferentes actividades económicas "deben desenvolverse en contacto directo cos profesionais do sector e coas comunidades con competencias na materia", como é o caso de Galicia.

"Creo que nestas circunstancias tan excepcionais debemos coidar máis que nunca a comunicación, trasladando certezas e seguridade á cidadanía e acompañándoas de accións tendentes a reducir o impacto e recuperar progresivamente a actividade", apunta o conselleiro, que reivindica, para iso, planificación.

Por este motivo, solicita a Reyes Maroto o desenvolvemento dun Plan de Reactivación Turística do conxunto do Estado, liderado desde este ministerio, un documento que debe ter en conta a especificidade de cada territorio, así como o peso que o turismo supón para a economía do país.

Román Rodríguez. XUNTA
Román Rodríguez. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta