O Goberno e CC.AA. estudan as novas medidas do Fondo Europeo de Pesca fronte ao coronavirus

O Ministerio de Agricultura e Pesca destacou que se valorou a posible repartición da xestión e financiamento das actuacións a pór en marcha entre ambas as administracións para optimizar os recursos existentes.

Por E.P. | MADRID | 21/04/2020 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

A secretaria xeral de Pesca, Alicia Villauriz, mantivo este martes unha reunión cos responsables de Pesca das comunidades autónomas para analizar e planificar a posta en marcha das novas medidas do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), aprobadas pola Unión Europea para axudar ao sector pesqueiro e acuícola a paliar os efectos da crise do coronavirus na súa actividade.

En concreto, este novo paquete de medidas, solicitadas por España, inclúe, entre outras, axudas a paradas temporais, o almacenamento de produtos ou o aumento da porcentaxe de apoio aos plans de produción das organizacións de produtores pesqueiros e acuícolas, segundo informou o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Estas medidas buscan paliar a situación dun sector pesqueiro e acuícola que, tras a declaración do estado de alarma para frear a pandemia, viuse prexudicado por unha diminución da demanda de produtos pesqueiros, en especial polo peche de bares e restaurantes, o que obrigou a parte da frota a reducir, ou mesmo parar, a súa actividade.

Estas actuacións poderán recibir axudas da Unión Europea e do Estado español sempre que teñan lugar antes do 31 de decembro de 2020. Durante a reunión valoráronse as distintas opcións de xestión para facer chegar as axudas económicas ao sector no menor prazo de tempo posible.

Ademais, o gabinete dirixido por Luís Planas destacou que, dentro do marco de colaboración, valorouse a posible repartición da xestión e financiamento das actuacións a pór en marcha entre ambas as administracións, ao obxecto de optimizar os recursos existentes".

En relación ás necesidades de financiamento para polas en marcha, solicitouse aos representantes autonómicos que comuniquen as súas avaliacións á Secretaría Xeral de Pesca, ante a necesidade de modificar, no seu caso, o Programa Operativo da FEMP.

O Ministerio subliñou que o resultado destas avaliacións dará lugar a unha nova versión do Programa Operativo Español, que deberá ser aprobado pola Comisión Europea seguindo o procedemento simplificado -nun prazo aproximado dun mes-, requisito necesario para que a nova distribución financeira reciba o apoio do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca.

Neste contexto, a secretaria xeral de Pesca reunirase nos próximos días con representantes do sector para continuar co intercambio de información que permita "a máis adecuada e rápida execución das medidas previstas".

Pescadores
Pescadores | Fonte: CEMMA.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta