A Fiscalía mantén abertas cinco investigacións penais en residencias de Galicia

O Ministerio Público actualiza datos e revela que son 86 os centros de maiores investigados penalmente en toda España.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/04/2020 | Actualizada ás 18:34

Comparte esta noticia

A Fiscalía Xeral do Estado elevou este martes ata 86 o número de residencias investigadas penalmente polo Ministerio Público como consecuencia da situación creada pola pandemia da COVID-19. Delas, 5 atópanse en Galicia.

Anciá chegando á residencia Tempo libre de Patos (Nigrán) © Miguel Nuñez
Anciá chegando á residencia Tempo libre de Patos (Nigrán) © Miguel Nuñez

Segundo datos emitidos este martes polo Ministerio Público, hai un total de 16 dilixencias abertas —11 civís e 5 penais— en centros de Galicia, cando na información emitida o pasado venres non figuraba ningunha contra os xeriátricos galegos.

Das cinco investigacións penais abertas, unha é levada a cabo pola Fiscalía Superior de Galicia, dúas pola de Ourense, unha en Lugo e outra en Pontevedra.

TOTAL ESPAÑA

En toda España son un total de 86 as residencias investigadas penalmente e case a metade delas, un total de 40, atópanse en Madrid. O pasado venres, o Ministerio Público informou de que as investigacións por posibles delitos limitábanse a 38 residencias.

Engade que actualmente tamén constan abertas 126 dilixencias civís, que se enmarcan no labor tuitivo do Ministerio Fiscal en relación co amparo dos dereitos individuais e colectivos das persoas en situación de vulnerabilidade.

Os datos, actualizados a data deste luns 20 de abril, son notablemente máis elevados que os ofrecidos por esta mesma institución o pasado venres, cando informou de que o número de dilixencias penais en todo o país era de 38, un total de 19 en residencias situadas en Madrid.

Fontes da Fiscalía atribúen a diferenza a que non pode falarse dunha "foto fixa" e adiantan que os datos poden seguir variando segundo pasen os días, posto que algunhas dilixencias son arquivadas e outras deixan de contar para a Fiscalía ao ser xudicializadas.

Así ocorre con dúas investigacións penais das que se informou o pasado venres en dúas residencias de Murcia e outro centro en Valencia, que foron arquivadas e non aparecen na listaxe distribuída este martes.

SEGUIMENTO PERMANENTE

Segundo a Fiscalía Xeral, desde o inicio da actual situación de emerxencia o fiscal delegado para a protección e defensa dos dereitos das persoas maiores e a rede de fiscais especialistas despregados nas Fiscalías Provinciais realizaron un seguimento permanente da situación das persoas da terceira idade e discapacitados, e particularmente, de quen viven en centros e residencias de maiores.

En España existen aproximadamente unhas 5.457 residencias, públicas e privadas, engade a nota. No exercicio da súa función, a Fiscalía tratou de non entorpecer a primordial actividade socio-sanitaria dos diferentes establecementos.

Finalmente, e como consecuencia desta actividade, a Fiscalía engade na súa nota que "recoñece e quere destacar o extraordinario esforzo realizado pola inmensa maioría das residencias de maiores e, moi especialmente, polos seus traballadores e traballadoras e o persoal encargado dos centros".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Moito me temo que se ninguén crea unha Plataforma de Afectados a Fiscalía esquecerá o tema máis cedo que tarde... Marear papeis e logo faltarán probas e todo pa o carallo !