Por Xurxo Salgado | Compostela | 01/12/2012 | Actualizada ás 17:48
"O pobo é quen máis ordena". Foi un dos berros que saíron da gorxa case sen alento dun ex sindicalista, hoxe xubilado, que case queda sen voz. José agora tivo que volver á loita, e desta volta, non é a unha loita polo traballo ou polos seus compañeiros, senón pola súa supervivencia e á da súa familia. Meteu todos os seus aforros nas preferentes e, agora, ninguén quere ou sabe dicirlle que pasará con eles.
Ese berro que José "Zeca" Afonso fixo famoso un 25 de abril de hai 38 anos en Portugal volveu ser o símbolo este sábado dun pobo que non se sinte representado polos seus gobernantes. Uns gobernantes que acudían ao Parlamento galego a apoiar a Feijóo na súa toma de posesión coma presidente, mentres na rúa, con frío e con chuvia, xentes humildes pedían xustiza.
Eran centos, homes e mulleres, novos e vellos. Foron ao Parlamento a saudar ao novo presidente con pitos e berros de dignidade, como fai agora dez anos fixo a sociedade galega durante a crise do Prestige. Afectados polas preferentes, despedidos de Agader e de grandes empresas galegas, parados, afectados polos desafiuzamentos e mozos sen perspectivas laborais.
"Os ladróns somos nós"
"Quen me vai devolver os meus cartos?", preguntaba unha muller case sen voz. "A culpa é toda deles, que non digan agora que é de Bruxelas", dicía outro. "Para nós non teñen cartos pero aos dos bancos ben que lle dan todo o que piden", suliñaba un terceiro. "O responsable de todo isto é o presidente do Goberno. Por iso estamos aquí, para que nos escoite", destacaba outro afectado indignado co trato que están recibindo. "Agora resulta que nós somos os ladróns". Esta é a crónica xeral que GC fixo desa protesta, dese pobo indignado coa súa clase gobernante:
Unidos na dignidade
Todos estaban unidos nas súas peticións, nas súas reclamacións de xustiza, pero moi vixiados pola Unidade de Intervención Policial que crearon un doble perímetro de seguridade diante do Parlamento para evitar as súas protestas. Este era o aspecto da rúa do Horreo unha hora antes de comezar a sesión de Investidura:
A maior parte dos que se concentraron diante da Cámara galega eran afectados polas preferentes que chegaron desde distintos puntos de Galicia. Moitos deles eran incapaces de conter a súa indignación e, político que pasaba, político, que era increpado:
Ningún cargo institucional, dirixente cultural ou social que cruzou pola rúa do Hórreo en dirección a Cámara se salvou de pitos e insultos. Algúns deles mesmo precisaron de protección policial:
Touriño, Ferrín, Aymerich
Touriño e Ferrín foron dos poucos que pasaron polo lado dos manifestantes. Tamén deputados do BNG, como Carlos Aymerich, estiveron toda a protesta con estes colectivos. "Tiñas que volver de novo", espetoulle un dos afectados ao expresidente ao velo entre eles mentres era saludado por Méndez Ferrín, que tamén foi felicitado por algúns deles:
Os dous tiveron que dar a volta para entrar por unha especie de corredor de seguridade. Entón, o que antes eran berros de ánimo, mudaron en insultos duns poucos:
E dentro, no calor do Parlamento, Feijóo xuraba o seu novo cargo rodeado da 'crème de la crème' da política e das entidades sociais, culturais e empresariais de Galicia. Catro anos máis coma presidente de Galicia para, como el mismo asegurou "combatir o paro", que supera o 21% e que é a súa grande débeda pendente con Galicia. Un cometido para o que pediu a unidade de todos os partidos. Unha unidade que non pediu para o resto da sociedade, esa que fóra protestaba polas inxustizas dos seus gobernantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.