Humor na corentena con Alberte Montes

O actor, cómico e guionista escribe '#6 Guerra' na súa sección 'CONFINAR FELIZ', un diario sobre o confinamento.

Por Alberte Montes | BARCELONA | 22/04/2020 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Son da Xeración Xabarín. A moitísma honra, como non podía ser doutro xeito. Socio na diáspora, coidao. Aquí en Barcelona tiñan o seu (Club Super3), pero eu non quería saber nada diso. Por fuciños, por cacheiras. Nin sequera tiña opción de ver a TVG, pero cumpría como o que máis na distancia. A gran sorte que tiña é que cumpro anos en agosto. Iso significa que me collía a data na aldea e aí si podía ver a miña foto na pantalla da tele do comedor. As únicas veces que madruguei na miña vida.

Alberte Montes.
Alberte Montes.

"Aquí en Barcelona tiñan o seu (Club Super3), pero eu non quería saber nada diso. Por fuciños, por cacheiras".

Tamén son doutra xeración. A xeración dos que rematando os estudos superiores ou incorporándose ó mercado laboral viron como lles estoupaba na cara a crise de final da primeira década dos dous mil. Doce anos máis tarde, e aínda sen ter arrincado de todo, un virus esmaga as ilusións que albiscabamos ó lonxe. Unha crise papa á outra. Chámannos Xeración Perdida porque Xeración de Merda soáballes mal, aínda que máis preciso.

Chegados a este punto haberá alguén (cuñado pro) que dirá que non nos queixemos que nós non vivimos unha guerra. DÁ TEMPO, VERÁS. Por outro lado a este 'amigo do falar' diríalle que, ou é maior de oitenta un anos ou tampouco viviu unha guerra. A non ser que sexa un galego emigrado en Kosovo ou Siria. Nese caso nada que dicir.

"...haberá alguén (cuñado pro) que dirá que non nos queixemos que nós non vivimos unha guerra. Dá tempo, verás".

Despois están os optimistas, os que seguen pendurando frases de Mr.Wonderful en Instagram, os que din iso de que “isto vainos cambiar e vainos facer mellores persoas”. Pois eu polo de agora o que vexo é que a xente está aproveitando para ‘escaquearse’ e non recoller a merda do can, entre outras cousas, e por non falar da policía de balcón.

Mellores non imos saír, agora ben, saír imos saír. Porque xa estivemos mal, porque coñecemos a derrota, convivimos co fracaso, aceptamos a miseria... Aínda que non viviramos unha guerra, polo de agora.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta