Temas: FRASEOLOXíA

Voces galegas equivalentes á castelá "cargarse" (1ª parte [=matar a alguén])

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 26/04/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Imos abandonar temporalmente o eido propiamente fraseolóxico para nos adentrarmos durante algunhas entregas no ámbito máis ben léxico.

Un cazador.. XUNTA DE ANDALUCÍA - Arquivo
Un cazador.. XUNTA DE ANDALUCÍA - Arquivo

Pero é que hoxe en día está tan e tan estendido, basicamente en ámbitos de uso asociados á coloquialidade e familiaridade, o uso pronominal do verbo cargar (isto é, cargarse) para dar conta do significado de eliminar ou de lle facer moito dano –físico ou doutro tipo– a alguén, así como para manifestar que se lle causa un prexuízo ou dano moi grande a algo, que pensamos que non estaría mal reflectir nalgúns dos artigos desta serie de fraseoloxía voces galegas que abranguen eses mesmos significados. E todo isto sen prexuízo de que o día de mañá a Real Academia Galega, que é en quen reside a competencia da normativa do idioma galego, decida aceptar (iso si, única e exclusivamente como calco, pois entendemos que non hai outro xeito) o verbo cargar como pronominal con estes significados que estamos a referir, inda que realmente nos estrañaría moito que así sucedese.

Imos, pois, coa primeira entrega, na que abordamos o significado de quitarlle a vida a alguén (ou mesmo tamén a un animal).

Cargarse a alguien (o a algún animal)

Ventilar # Escabechar a alguien

{= Quitarlle a vida, matalo.}

Chapodar a alguén

Moquear a alguén

Peneirar a alguén

Limpar a alguén

Vendimar a alguén

Benlear a alguén

Chimpar a alguén

Chumbar a alguén

Ex.: Los atracadores al primero que se cargaron fue al portero del edificio.

Os atracadores o primeiro que chapodaron moquearon peneiraron limparon vendimaron benlearon chimparon chumbaron foi o porteiro do edificio.

Ex.: No se preocupe, patrón, que a ese nos lo cargamos nosotros.

Non se preocupe, patrón, que a ese chapodámolo nós moqueámolo nós peneirámolo nós limpámolo nós vendimámolo nós benleámolo nós chimpámolo nós chumbámolo nós.

● Tamén, en contextos:

Varrer a alguén && Desgraciar a alguén && Arramplar con alguén && Sacar # Quitar de diante a alguén

Ex.: Os atracadores o primeiro que varreron desgraciaron sacaron # quitaron de diante foi o porteiro do edificio. && Os atracadores (c)o primeiro co que arramplaron foi co porteiro do edificio

Ex.: Non se preocupe, patrón, que a ese varrémolo nós desgraciámolo nós sacámolo # quitámolo nós de diante. && Non se preocupe, patrón, que con ese arramplamos nós.

● Tamén, se cadra non asociadas, ou como pouco asociadas en menor grao, a contextos de uso tan familiares e coloquiais:

Liquidar a alguien && Eliminar a alguien && Despachar a alguien && Acabar con alguien

Liquidar a alguén && Eliminar a alguén && Despachar a alguén && Acabar con alguén && Dar cabo de alguén && Dar conta de alguén

● Tamén, nestas mesmas coordenadas que acabamos de sinalar:

Mandar a alguien para el otro mundo # al otro mundo && Mandar a mejor vida a alguien && Mandar a alguien a la tumba # a la sepultura

Mandar a alguén para o outro mundo # ó outro mundo && Mandar a alguén para mellor vida # para a outra vida && Mandar a alguén para a tumba # á tumba # para a sepultura # á sepultura && Mandar para o alén a alguén

● Tamén, volvendo máis ben a ámbitos de uso familiares e coloquiais:

Mandar a alguien al otro barrio # para el otro barrio

Mandar a alguén para a pataqueira # á pataqueira && Mandar a alguén para a cova # á cova # para a burata # á burata # para a buraca # á buraca # para o furaco # ó furaco && Mandar a alguén para o outro barrio # ó outro barrio

● E igualmente nestas mesmas coordenadas:

Dar (el) pasaporte a alguien && [E MAIS]: Eliminar a alguien del mapa # de la circulación

Darlle cachote && Darlle (o) pasaporte && Facerlle as pascuas && [E MAIS]: Eliminar a alguén do mapa # da circulación

● Tamén, en contextos na medida en que se trata dun uso ampliado a partir do seu significado dos verbos que se reflicten, e normalmente –inda que non sempre– asociadas a ámbito de uso máis formais:

Aniquilar a alguien && Exterminar a alguien

Aniquilar a alguén && Exterminar a alguén

● E inda incluso, mais só para dar conta de que se comete o asasinato dunha persoa (o cal implica, amais da voluntariedade do acto, outro tipo de agravantes):

Asesinar a alguien

Asasinar a alguén

NOTAS:

1. Tal e como se poderá comprobar se se lle bota un ollo ó Dicionario da Real Academia en liña, as máis destas voces e locucións non se recollen, cando menos co significado aquí exposto, na dita obra normativa, pero nos máis dos casos están tiradas da oralidade, así como tamén nalgunha ocasión de documentos escritos ou consultados na Rede e mais das obras que reflectimos na parte dedicada á bibliografía.

2. Polo que atangue a algunha das voces que en principio podería chamar máis a atención, velaquí un sucinto comentario acerca dalgunha delas:

● En relación coa voz cachote (que na acepción 2 do DRAG vén a se corresponder co castelán mampuesto –segunda acepción do DRAE–, do mesmo xeito que cachotería se correspondería coa castelá mampostería), e malia que de momento non se recolla no DRAG en liña, cómpre indicar que o certo é que en varias obras lexicográficas aparecen rexistradas as locucións darlle cachote a unha persoa ou animal (no seu sentido primixenio, darlle na cabeza cun cachote para matala) e levar cachote (que a grandes trazos viría a ser, como veremos no seu momento, equivalente ó castelán llevarse un (buen) palo # chasco # varapalo).

● Polo que respecta ó vocábulo pataqueira, trátase dunha voz inda viva a nivel coloquial en non poucos sitios (por exemplo, quen isto escribe tena de seu con ese significado) para designar o lugar onde van descansar os nosos restos mortais cando finemos (de feito, dise que imos para a pataqueira cando nos enterran porque, ó cabo, do que imos valer é de esterco para as patacas).

● Por último, a voz benlear, que é de recolleita oral e nunca vimos escrita, está rexistrada –e case perdida en canto ó seu uso– na zona de Ramirás, basicamente co significado de que alguén peneira, moquea, vendima, pasa pola pedra ou lle dá unha grande batida ou pasada a outra persoa, tanto nun xogo coma nunha pelexa (onde, nos casos máis extremos, mesmo podería chegar a matala).

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Ferro Ruibal, Xesús & Groba Bouza, Fernando: “Dichos y refranes y dialecto vianés de Laureano Prieto (1951)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 259-282. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús: “Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre”. Discurso de ingreso do profesor Ferro Ruibal na Real Academia Galega o 4 de maio de 1996.

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas (1985). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- García, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Porto Rey, Francisco: Diccionario gallego-castellano. Publicado en 1900. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano, de entre 1913 e 1928. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina):

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 O Saussure de Avanha

O complemento direto não leva preposição em galego, seria "matar alguém" e não "a* alguém". O mesmo aconteceria com o resto dos verbos da lista.