(Gráficas) Que opina a poboación galega sobre a independencia de Cataluña?

Un grupo de estudantes da USC vén de realizar un estudo no que enquisaron un total de 1.208 persoas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2020 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Un 47,9% da poboación enquisada nun estudo - da que a meirande parte son persoas galegas - considera que Cataluña debe decidir o seu futuro como nación. Ademais, ningún goberno - PSOE-UP, anterior do PP e Generalitat - consegue un aprobado por parte da poboación no que se refire á súa xestión do conflito. O procés "interesa" ao 83,1% das persoas enquisadas e "preocupa" ao 68,8% delas.

Barcelona, na decisiva xornada de eleccións autonómicas en Cataluña, o 21 de decembro de 2017, trala declaración de independencia e a aplicación do artigo 155 da Constitución
Barcelona, na decisiva xornada de eleccións autonómicas en Cataluña, o 21 de decembro de 2017, trala declaración de independencia e a aplicación do artigo 155 da Constitución | Fonte: Miguel Núñez

Que pasará finalmente? Hai, en xeral, pouca confianza nunha futura independencia de Cataluña. Un 27,7% da poboación considera que se acadará a independencia, pero pasarán máis de dez anos para conseguilo. Doutra banda, o 35,6% das enquisadas pensa que Cataluña probablemente nunca chegue a separarse do estado español.

Estes son os principais resultados do estudo "Un conflito social, dous bandos. Opinión social acerca do auxe do nacionalismo catalán na década 2010-2020" desenvolvido por un grupo de estudantes do Grao de Mestre/a de Educación Primaria da Universidade de Santiago de Compostela ao logo dos meses de marzo e abril de 2020. Neste tempo, foron enquisadas un total de 1.208 persoas, das cales case o 90% son galegas (1038 persoas). 

CANTO SE SABE?

A práctica totalidade da poboación galega coñece o conflito catalán, aínda que máis dun 44% dela considera que está "algo", "pouco" ou "moi pouco" informada. É un tema que se introduciu na meirande parte dos fogares espallados ao longo do país, e a pesar de estar tamén moi presente nos mass media durante a última xeración, case a metade das persoas considera que non está suficientemente informada, aínda que si ten unha opinión "definida" sobre o conflito. A enquisa reflicte que a situación lle "interesa" ao 83,1% da poboación, e que lle "preocupa" ao 68,8% das persoas enquisadas.

EMPATÍZASE COA POSICIÓN INDEPENDENTISTA?

A grandes trazos, as persoas galegas "entenden" máis que "comparten" a posición independentista. Case a metade das enquisadas comparte "moi pouco", "pouco" ou "nada" o que o Govern defende tanto para Cataluña como para o Estado español. Preto do 16% da poboación galega comparte "bastante" e outro tanto comparte "moito" a posición independentista.

Os datos mostran, iso si, un importante apoio á opción de celebrar unha consulta política. Do conxunto de persoas enquisadas, o 85% pensa que o máis adecuado é que a poboación catalá faga unha consulta política. Con todo, desas persoas tamén hai unha importante porcentaxe de entrevistadas que permitiría o referendo, pero con condicións: ben sexa que vote toda a poboación española (22,8%) ou ben sexa que Cataluña vote, pero só para coñecer a opinión do pobo, xa que consideran que debe formar parte de España (14,3%). Sen condicións, é o 47,9% quen defende a consulta política.

Ao redor das causas do auxe independentista, a poboación deixa claro que o “adoutrinamento” nas escolas (imbuír o ideario nacionalista nas aulas de Catalunya, neste caso) non é un factor que influíra. Tamén destaca que mentres que as persoas catalás consideran que non afectou o adoutrinamento social cara ao independentismo; a poboación de fóra de Cataluña pensa que o trato desfavorable a esta rexión por parte do Estado non influíu (mentres que os cataláns o valoran como o 3º factor máis influente no auxe do independentismo na década 2010-2020).

COMO SE VALORA XESTIÓN POLÍTICA?

E en canto á xestión do goberno PSOE-UP, do goberno de Mariano Rajoy e do goberno na Generalitat, a poboación galega suspende aos tres. Con todo, as persoas enquisadas valoran como a mellor actuación (ou, mellor dito, a menos negativa) a do goberno de PSOE e Unidas Podemos liderado por Pedro Sánchez. As peores valoracións recíbenas o goberno de Rajoy durante a primeira parte da década 2010-2020 e o goberno da Generalitat liderado durante estes anos polos presidentes Artur Mas, Carles Puigdemont e Quim Torra. Máis do 30% de persoas valoran cun 1, é dicir, de maneira pésima, a súa actuación política.

Sobre o encarceramente dalgúns líderes políticos cataláns, a maioría da poboación móstrase a favor da posta en liberdade, ben sexa liberdade condicional (18,1%) ou plena (34,5%). Pola outra banda, hai unha porcentaxe importante (44,8%) de persoas que apostan por que os denominados Presos Polítics permanezan no cárcere ou incluso se lles aplique cadea perpetua (3,4%).

CAL SERÁ O FUTURO DO INDEPENDENTISMO?

A última parte da enquisa está reservada ás perspectivas de futuro da poboación para o procés catalán. Un 26,7% considera que se acadará a independencia pero pasarán máis de 10 anos para conseguilo e o 35,6% considera que probablemente Cataluña nunca acade a independencia. O 13,2% confía lograla antes dos dez anos. Outro 15,3 % das persoas decidiu non responder á pregunta.

O estudo pode verse completo no neste enlace. Os seus promotores, Xurxo Varela, Lucía Blanco, Paola Abalo e Andrea Baúlo, queren agradecer a colaboración ás 1208 persoas que realizaron a enquisa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta