REDE acusa ao exdirector de Baños de Molgas de defender os intereses das residencias privadas

A federación de familiares con parentes en residencias de maiores considera a Miguel Ángel Vázquez próximo a empresa con maiores focos de contaxio, DomusVi, e aos seus intereses.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/04/2020 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

A federación de asociacións de familiares con pesoas ingresadas en residencias para maiores, enviou un comunicado sobre o relevo do director da residencia integrada de Baños de Molgas, Miguel Ángel Vázquez. Nese documento, REDE sinala a Vázquez como representante da patronal  e “moi próximo a DomusVi”.

Feijóo coa conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, a empresa privada máis afectada por casos de coronavirus en centros de maiores
Feijóo coa conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, a empresa privada máis afectada por casos de coronavirus en centros de maiores | Fonte: xornalgalicia.com

Sobre este último punto, REDE indica que o vicepresidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía  e Xeriatría (SGXX), José Manuel Pazos, foi director médico de DomusVi, e actualmente é portavoz e presidente da patronal, Asociación Galega de Residencias da Terceira Idade, AGARTI. Pazos dirixe a residencia integrada de Porta do Camiño en Santiago de Compostela.

Sobre estas palabras do comunicado de REDE, Miguel Ángel Vázquez manifestou  a Galicia Confidencial que “nunca traballei para DomusVi, non teño nada que ver e por tanto non é certo”. Sobre José Manuel Pazos, director da residencia de Porta do Camiño, Vázquez di que “Pazos non está na empresa privada, leva tempo fóra e non vou dicir nada máis”.

REDE engade no seu comunicado que as instalacións de Baños de Molgas reunían menos condicións que outras residencias como Barreiro-Vigo ou Aldán-Cangas. Isto sucedía cando Miguel Ángel Vázquez afirmara que manter positivos en residencias podería ser delito debido á falta de medios en instalacións para xente da terceira idade.

Vázquez sinalou para GC que as instalacións de Baños de Molgas estaban recén acabadas e non se utilizaran ata que se trasladaron ao lugar persoas con positivo en COVID-19. “Viñeron técnicos e equipos a altas horas da madrugada para pór en marcha sistemas eléctricos” sinalou Vázquez. “As instalacións eran de recente construción, mais todo estaba por facer”.

Diante de todo isto, a Federación REDE, considera que o relevo de Vázquez en Baños de Molgas responde ás vacilacións da Xunta sobre a súa estratexia e obxectivos “desde o minuto un”. Sobre isto, o mesmo Vázquez respondía que a residencia debía quedar en mans do SERGAS para a súa xestión e coidados das persoas internas. Por último indicaba que el non foi cesado senón que houbo un relevo que se negociara co SERGAS a pasada fin de semana do 18 ao 19 de abril.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta