'Máscara-19', o código para que vítimas de violencia de xénero pidan axuda nas farmacias

A Xunta colabora coas farmacias nesta nova campaña.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2020 | Actualizada ás 12:19

Comparte esta noticia

A Xunta colabora coas farmacias galegas no marco da campaña 'Máscara-19' para asistir a vítimas de violencia de xénero. Deste xeito, estas poderán solicitar axuda cando acudan a unha das 1.345 boticas en Galicia.

Así o explicou a Vicepresidencia da Xunta nun comunicado despois de que a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, mantivese este venres por videoconferencia unha reunión cos presidentes dos colexios oficiais de farmacéuticos de Lugo, Ourense e Pontevedra e coa vicepresidenta do da Coruña.

Na reunión, López Abella reiterou o apoio do Goberno galego a esta iniciativa xurdida nos colexios farmacéuticos de Canarias co nome de 'Máscara-19', que foi adoptada posteriormente por varias farmacias españolas e, nestes días, posta en marcha en Galicia.

O obxectivo, puntualizou a Xunta, "é darlle ás posibles vítimas da violencia de xénero unha canle máis de saída a situacións violentas no fogar agravadas pola etapa de peche".

Deste xeito, explican as mesmas fontes, cando unha muller acode a unha oficina de farmacia, unha vez que empregue o código 'Máscara-19', o persoal farmacéutico porase en contacto coas forzas e corpos de seguridade do Estado.

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, en reunión telemática cos colexios de farmacias galegos.. XUNTA/CONCHI PAZ / Europa Press
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, en reunión telemática cos colexios de farmacias galegos.. XUNTA/CONCHI PAZ / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta