Toda a oposición advirte a Feijóo sobre unhas eleccións en xullo: "Primeiro é a saúde... Hai que salvar vidas"

Gonzalo Caballero agarda que Feijóo "non faga electoralismo" con esta grave pandemia. Antón Gómez-Reino ve "irresponsable" pensar en eleccións en xullo e Pontón pide a Feijóo "non ir a rebufo" de Euskadi e convocar eleccións "só cando haxa garantías sanitarias".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2020 | Actualizada ás 12:52

Comparte esta noticia

Os principais partidos da oposición criticaron este venres a decisión do lehendakari, Iñigo Urkullu, de celebrar as eleccións en xullo e instaron ao presidente galego a que non faga o mesmo cando Galicia aínda non se recuperou da pandemia e hai vidas de galegos en xogo. 

Feijóo vota o 25 de setembro nas eleccións autonómicas
Feijóo vota o 25 de setembro nas eleccións autonómicas

Neste sentido, o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, advertiu a Feijóo que utilice a crise do coronavirus para facer política e “electoralismo”. “Nós démoslle un cheque en branco”, dixo en alusión ao acordo entre Feijóo e a oposición para aprazar os comicios. “Pero non pode extralimitarse cando temos unha crise sanitaria sen resolver”, engadiu.

Así, suliñou que o máis importante é a saúde dos galegos e dixo que a data electoral ten que vir en función a un acordo parlamentario e, sobre todo, en base á información de informes e estudos de como vai ser a desescalada. Por iso, considerou que ter unhas eleccións en xullo porque as fai Euskadi sería unha “irresponsabilidade”. “A resposta ten que ser galega e non a de Euskadi, porque o noso compromiso é Galicia”.

O debate electoral ten que ser o de menos porque nós estamos moi preocupados polo que acontece en Galicia e traballamos para reconstruír este país logo da pandemia e que esas eleccións sexan celebradas con todas as garantías electorais”, engadiu.

Caballero advertiu a Feijóo que non pode utilizar esta pandemia para “beneficio propio” e con “vantaxismos electoral”. “Ten que responder con altura de miras, defendendo os intereses dos galegos por riba dos do PP”, dixo e lembrou que o PSdeG “abandonou calquera tipo de prioridade electoral para cooperar contra a crise”. “A saída desta crise hai que facela fortalecendo a sanidade pública galega, para que moitos galegos non se queden na cuneta”, concluíu.

GALICIA EN COMÚN

Tamén o portavoz da coalición Galicia En Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, considerou "irresponsable" que se abra un debate sobre a convocatoria para o verán das eleccións suspendidas en Galicia e Euskadi mentres "morren centenares de persoas todos os días e a poboación está confinada".

En declaracións aos medios este venres despois de que o lehendakari, Iñigo Urkullu, expresase na Deputación Permanente do Parlamento vasco que baralla a posibilidade de convocar as eleccións autonómicas vascas para o próximo mes xullo, Gómez-Reino manifestou que non ve conveniente pensar nas eleccións nestes momentos.

"Con todos os respectos ao señor Urkullu, expor agora ese tema parécenos irresponsable. Están a morrer centenares de persoas todos os días e a poboación está confinada", aseverou o deputado no Congreso por Unidas Podemos. "Agora é o momento de salvar vidas, frear a expansión do virus e garantir medidas de apoio a familias, empresas e traballadores", indicou. "As eleccións só poderán celebrarse cando existan garantías plenas, democráticas e sanitarias", engadiu.

BNG

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sinalou que as eleccións autonómicas "só deben celebrarse cando existan todas as garantías sanitarias". "Nin un minuto antes, nin un minuto despois", advertiu, de igual modo, a dirixente nacionalista, que pediu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que non vaia "a rebufo" de País Vasco.

"En relación a unha posible data electoral, quixese destacar que o BNG foi o primeiro en aprazar a celebración das eleccións, porque no medio dunha pandemia, o único, insisto, o único importante é a saúde das persoas. E hoxe pensamos o mesmo", salientou Pontón.

Así as cousas, conveu que as eleccións "só deben celebrarse cando existan todas as garantías". "Eleccións cando se dean as condicións sanitarias para votar con total garantía e sen riscos para a saúde dos galegos", incidiu. Por iso, tamén dixo que a data das eleccións en Galicia "se ten que decidir en Galicia" e que "non volva ser o lehendakari Urkullu" o que "diga cando temos que ir votar".

As eleccións galegas estaban convocadas, do mesmo xeito que as vascas, para o pasado 5 de abril, pero foron suspendidas pola crise sanitaria, con acordo de todas as forzas políticas máis representativas e o aval da xunta electoral autonómica, que deu as garantías xurídicas para o decreto de suspensión asinado por Feijóo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Seica o día 8 de marzo foi día hábil para facer campaña en todo o Estado ? Ou saimos da casa ou imos pasar toda a lexislatura baixo Estado de Alarma !