O sector aeronáutico e aeroespacial prevé caídas "de entre o 7 e o 14%"

Os proxectos en marcha finalizaranse pero lamentan a "incerteza" a medio prazo.

Por E.P. | VIGO | 24/04/2020 | Actualizada ás 19:27

Comparte esta noticia

A xunta directiva do Consorcio Aeronáutico Galego (CAG) reuniuse de forma telemática este venres para abordar o impacto da crise sanitaria do coronavirus no sector, e constatou que, aínda que as empresas seguen traballando nos contratos que están en vigor, prevense caídas de "entre o 7 e o 14 por cento", así como posibles atrasos ou mesmo suspensión en novos encargos.

Segundo trasladou o Consorcio, a pandemia e as súas repercusións están a ter un "forte" impacto no sector aeronáutico e aeroespacial, derivado do peche de fronteiras e das restricións á mobilidade, que desembocaron nunha caída drástica e mesmo na paralización do transporte aéreo.

No caso das empresas galegas do sector, que viña rexistrando taxas de crecemento dun 2 %, tanto en facturación como en creación de emprego, as súas perspectivas agora "están en perigo", condicionadas polo comercio exterior. De feito, o CAG lembrou que xa está a notar o impacto no comercio internacional, con decisións como a suspensión da feira ILA de Berlín.

"O maior problema actual é a incerteza, xa que as preisiones de caída van desde un 7 a un 14 %, unha marxe ampla e impredicible, como para que sexa asumido por calquera empresa", lamentou o Consorcio.

PERSPECTIVAS PARA 2021

Finalmente, destacou que, en xeral, os proxectos que actualmente están en marcha e contratados, mantéñense e finalizaranse, aínda que non sen dificultades. Con todo, as empresas temen un impacto máis profundo en 2021, por posibles cancelacións de novas contratacións e encargos (relacionados coa crise nas aerolíneas).

En todo caso, o Consorcio puxo en valor o "potencial" do sector e a súa aposta por innovar, e apelou a facer "un esforzo" para abrirse a novos mercados, como o dos vehículos non tripulados, os helicópteros ou a aviación militar.

Enrique Mallón, presidente do Consorcio Aeronáutico Galego, nunha reunión virtual da xunta directiva da entidade.. CONSORCIO AERONÁUTICO GALEGO
Enrique Mallón, presidente do Consorcio Aeronáutico Galego, nunha reunión virtual da xunta directiva da entidade.. CONSORCIO AERONÁUTICO GALEGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta