Santiago ampliará o prazo de pago de impostos e reducirá os recibos de terrazas e lixo a locais

A oposición ve "insuficientes" as medidas adoptadas polo Goberno central e reclama "valentía".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2020 | Actualizada ás 19:39

Comparte esta noticia

O pleno municipal de Santiago apoiou unha ampliación do pago de impostos por parte da veciñanza así como a redución do importe dos recibos que os establecementos deben pagar polas terrazas ou o lixo en función dos días nos que os locais permanecesen pechados pola declaración do estado de alarma.

A sesión plenaria, celebrada na tarde deste xoves, só contou coa presenza física do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, os portavoces dos distintos grupos municipais e a edil de Facenda. O resto de concelleiros que integran a corporación estiveron conectados a través dun sistema de videoconferencia.

Todos eles gardaron un minuto de silencio ao comezo en recordo das vítimas da COVID-19, cunha mención especial do alcalde ao que fora portavoz municipal do PP, o exconselleiro Dositeo Rodríguez, tamén falecido con este virus.

En concreto, a proposta de modificación das ordenanzas fiscais contou co voto a favor de socialistas e populares. Pola súa banda, tanto Compostela Aberta como o BNG abstivéronse ao considerar que a medida era pouco ambiciosa. Pola súa banda, PSOE, PP e CA apoiaron modificar as bases de execución do orzamento, un punto no que o Bloque tamén optou pola abstención.

Deste xeito, o primeiro dos puntos aprobados posibilitará que se amplíen os prazos fiscais para facilitar o pago dos tributos por parte da veciñanza. Ademais, permitirá que se reduzan os recibos da taxa de lixo e das terrazas que os establecementos deben pagar en proporción aos días nos que dure a limitación da ocupación.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Aínda que todos os grupos municipais coincidiron na necesidade de permitir ao goberno tomar medidas nun momento de emerxencia, toda a oposición coincidiu ao cualificar de "insuficientes" as accións.

Deste xeito, o portavoz do PP, Alejandro Sánchez Brunete, cualificou de "detalliños fiscais". "Supoñen un pequeno golpe de abanico cando hai sectores que necesitan xa dun respirador", argumentou.

Pola súa banda, o portavoz de Compostela Aberta, Martiño Noriega, considerou que os "momentos excepcionais" requiren de "solucións excepcionais" e considerou necesario un "esforzo maior" por parte do goberno municipal coa "valentía" que, na súa opinión, "o momento demanda".

Nesta liña, Goretti Sanmartín (BNG) asegurou que as propostas abordadas son "ben recibidas" pola súa formación pero considerou que son "insuficientes", do mesmo xeito que, ao seu xuízo, é "insuficiente" o plan de reactivación económica no que traballa o Concello.

Pola súa banda, a edil de Facenda, que nunha primeira quenda expuxo as medidas, avogou por pór en marcha accións "meditadas" que permitan ver "como vai a evolución dos ingresos" tendo en conta que aínda que hai un remanente de tesouraría é posible que non se permita que o Concello o habilite na súa totalidade.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, na rolda de prensa
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, na rolda de prensa

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta