A Xunta gastou un 13% dos fondos 'reservados' de sanidade para comprar material

O Goberno de Feijóo recorreu o 5 e o 20 de marzo ás continxencias sanitarias para comprar mobiliario e equipos para os hospitais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2020 | Actualizada ás 11:29

Comparte esta noticia

A partida para investimentos imprevistos da Xunta situouse nos orzamentos para este ano en 33,3 millóns de euros (fronte aos 39 millóns de 2019), dos cales un total de 22.775.995 euros se provisionaron para o ámbito sanitario para atención hospitalaria e uns 9 millóns máis para atención primaria. En total, dos 33,3 millóns, 31,9 reserváronse para o ámbito sanitario (os 1,4 restantes para administración en xeral), partidas que figuran nas contas que foron aprobadas a finais de 2019, as cales foron pensadas para acabar a X Lexislatura e afrontar un período antes das eleccións que, como máximo, tiñan que ser en outubro deste ano.

A contía 'reservada' para a atención especializada, de cuxo uso o Goberno autonómico ten obrigación legal de informar o Parlamento trimestralmente, foi empregada pola Xunta en dúas ocasións durante o mes de marzo deste ano, de maneira que se consumiu o 13 por cento da partida inicialmente orzada para atención especializada.

Concretamente, segundo o informe que abarca de xaneiro a marzo, ambos os incluídos, remitido ao Parlamento, e ao que tivo acceso Europa Press, o Consello da Xunta recorreu o 5 de marzo a este fondo de continxencias para habilitar unha partida de 1.822.295 euros para a compra de material sanitario.

Foi, precisamente, un día despois de que transcendese o primeiro caso positivo de covid-19 detectado en Galicia, o dun mozo procedente de Madrid que foi ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. A Xunta celebrou unha reunión do seu goberno o 5 de marzo, tras a que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que se habilitaron dous millóns de euros para a compra de material para os hospitais galegos. "Estamos alertados, non alarmados", dixo, ese día, o mandatario autonómico.

Ademais, o informe remitido polo Goberno galego á Cámara, e recollido por Europa Press, inclúe outro recurso a este fondo, que ten que ver cun novo acordo do Consello da Xunta, do día 20 de marzo, unha semana despois da declaración do estado de alarma e de emerxencia sanitaria.

Nesa ocasión, o recurso detraído foi de 1,2 millóns de euros, tamén para mobiliario e maquinaria. Concretamente, utilizouse para a adquisición de ventiladores volumétricos, un equipo portátil de raios X para hospitais e biombos para instalar nos mostradores de atención ao público dos centros do Sergas.

UNHA PARTIDA "MÁIS"

Como subliñou a Europa Press a Consellería de Facenda, o fondo de continxencia é unha dotación orzamentaria "máis" nas contas anuais da Xunta e que todas as comunidades autónomas, cada ano, inclúen no seu orzamento.

En Galicia órzase "desde hai máis de 15 anos" e nos catro presupostos aprobados na presente lexislatura mantívose nunha contía "estable", de entre 33 e 39 millóns.

Esta partida destínase a gastos "non ordinarios" que xorden ao longo do exercicio e cuxa dotación exacta "é difícil de estimar na súa totalidade ao elaborar o orzamento", esgrimen as mesmas fontes da consellería que dirixe Valeriano Martínez, que reivindica a "transparencia" que ofrece ao enviar trimestralmente os datos.

Facenda indicou que, en Galicia, o "uso principal" deste fondo é o de atender as "necesidades" de gasto sanitario, o xa de por si máis elevado que ten a Administración autonómica. Na cifra para 2020, o gasto alcanzou o seu "máximo histórico", ao superar por primeira vez os 4.000 millóns de euros.

Nesta lexislatura, os fondos 'reservados' do Goberno autonómico tamén se utilizaron para outros asuntos, como accións preventivas contra os incendios forestais, despois da vaga de lumes que arrasou Galicia en outubro de 2017, ou actuacións en materia de violencia machista.

Á marxe deste recurso xa utilizado no mes de marzo, a Xunta decidiu, segundo anunciou Feijóo o pasado 8 de abril, abrir un fondo de continxencia específico dotado con 100 millóns de euros, que atribuíu a unha reorganización do gasto corrente --como custos no funcionamento de centros educativos ou centros da administración autonómica (aforros de auga, calefacción, subministracións...).

Coa pandemia sanitaria, o Goberno galego difundiu varios números de contas bancarias para recibir doazóns de institucións, empresas e particulares co fin de loitar contra a covid-19, ante as "numerosas" chamadas que se recibiron para este fin; mentres que o propio Parlamento de Galicia lle transferiu 2 millóns de euros do seu remanente.

PARTIDA POLÉMICA

Durante a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que tivo lugar o pasado mércores; o portavoz do PPdeG, Pedro Puy, aproveitou para defender o fondo de continxencias que a Xunta prové cada ano e acusou a oposición de que, de aceptar as súas emendas, non existirían estas partidas das que fixo uso a Xunta nesta pandemia.

Concretamente, estas emendas suporían retirar 10 millóns de euros (a proposta do PSdeG), 15 millóns (a proposta do Grupo Común da Esquerda) e 30 millóns (por iniciativa do BNG), algo que lle botou en cara no debate á portavoz nacionalista, Ana Pontón, posto que se se aprobaran, "o Sergas non contaría cos 3 millóns de euros que se usaron nos primeiros contratos de emerxencia" polo coronavirus.

Nas súas emendas parciais aos orzamentos, os nacionalistas propuñan repartir eses 30 millóns de euros do fondo de continxencias en creación de equipos multidisciplinares en atención primaria --logopedas, terapeutas ocupacionais, podólogos...-- (9 millóns de euros); regulación das retribucións das matronas (1 millón de euros); melloras na dotación de material en salas de consulta de matronas (500.000 euros); e en levar a cabo un plan de redución de listas de espera (cos outros 20 millóns de euros).

Entrada dunha posible infectada por coronavirus en Urxencias ©Miguel Nuñez
Entrada dunha posible infectada por coronavirus en Urxencias ©Miguel Nuñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta